Ir o contido principal

Tomas Lindahl, Nobel de Química 2015: “Converter o cancro en enfermidade crónica é máis realista que pretender curalo"

Tomas Lindahl na súa chegada ao Colexio San Xerome. Foto: Santi Alvite
Tomas Lindahl na súa chegada ao Colexio San Xerome. Foto: Santi Alvite
O reputado investigador que visita a USC no marco do programa ConCiencia, pronunciará o relatorio ‘Inestabilidade de ADN e posibles formas de vida alternativas’ este mércores 20, ás 19.30 horas, no...
Santiago de Compostela

O científico sueco Tomas Lindahl, premio Nobel de Química 2015 manifestou este martes, nun encontro con medios de comunicación, que a opción máis realista é converter o cancro nunha enfermidade crónica, antes que pretender a súa curación total. Lindahl, quen recibiu o Nobel polos seus estudos mecanísticos da reparación de ADN, subliñou que poñemos demasiada énfase na palabra curación, cando en realidade, debemos aspirar a transformar o cancro nunha enfermidade que sendo tratada cos fármacos axeitados permita manter unha boa calidade de vida. Lindahl participa esta semana nunha visita institucional á USC dentro do Programa ConCiencia.

O Premio Nobel de Química amosouse satisfeito polos avances que nos últimos vinte anos se teñen realizado en certos tipos de cancro, como é o caso do de mama. Con todo, subliñou que non posuímos ferramentas para taxar de xeito eficiente outras modalidades máis agresivas como o cancro de páncreas. Ao ser preguntado polos hábitos que poden favorecer a manifestación de certos tipos de cancro, Lindahl apuntou cara o tabaquismo, así coma certos alimentos con fungos, ou incluso os cacahuetes como potencialmente desencadeantes desta doenza.

Lindahl subliñou a necesidade de que os gobernos de múltiples países invistan en ciencias básicas para avanzar na loita contra enfermidades como o cancro. Neste senso, destacou a notable caída na inversión levada a cabo por potencias coma Estados Unidos, e salientou que a comunidade científica inglesa está maioritariamente en contra do Brexit, polo que poda atinxir á captación de recursos para investigación.

Lindahl amosouse impresionado cos avances que no eido biomédico se están a levar a cabo dende a USC e, neste senso, quixo louvar o traballo desenvolvido polo científico do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) Miguel González Blanco, quen o acompañou na rolda de prensa, xunto co responsable do Programa ConCiencia e catedrático da USC, Jorge Mira. Previamente, Lindahl foi recibido polo reitor da USC, Antonio López, e polo vicerreitor de Investigación e Innovación, Vicente Pérez Muñuzuri, no Colexio de San Xerome, onde tivo a oportunidade de deixar a súa sinatura no Libro de Honra da USC.

Actos centrais

O mércores 20, ás 19.30 horas, Lindahl pronunciará o relatorio ‘Inestabilidade de ADN e posibles formas de vida alternativas’ no auditorio Abanca. Asemade, no marco da apertura do XXV Encontro galego-portugués de química, celebrada na Cidade da Cultura, Lindahl falará da reparación de dano endóxeno do ADN e prevención do cancro.

Premio Nobel "polos seus estudos mecanísticos da reparación de ADN"

Nado en Estocolmo, Suecia, en 1938, Tomas Lindahl estudou Medicina no Instituto Karolinska, onde desenvolveu o seu interese pola bioquímica e se doctorou en 1967. Durante a súa etapa postdoutoral nas Universidades de Princeton (Nova Jersey) e Rockefeller (Nova York), decatouse de que os ARN transferentes, uns pequenos ácidos nucleicos implicados na fabricación de proteínas, se degradaban espontaneamente ao seren quentados. Esta observación marcaría a súa futura carreira científica, xa que se preguntou se o ADN, o ácido nucleico que codifica a información xenética, podería sufrir unha descomposición semellante.

Tras volver a Suecia como profesor de Química Médica e Fisiolóxica á Universidade de Gothenburg, o traballo pioneiro de Lindahl demostrou que o ADN é unha molécula intrinsecamente inestable, levándoo a postular que as células deben contar con sistemas de reparación eficientes que aseguren o mantemento da súa estabilidade xenómica. Nos seguintes anos, o seu laboratorio identificou numerosas enzimas de reparación, o que lle permitiu definir e reconstituír o mecanismo universal de reparación por escisión de bases. As contribucións de Lindahl permitiron abrir un novo campo de investigación con profundas implicacións na nosa comprensión da bioloxía molecular básica e da aparición de enfermidades xenéticas, así como no desenvolvemento de novas terapias antitumorais.

Ademais dos seus logros científicos, Tomas Lindahl foi o primeiro director dos laboratorios de Clare Hall desde 1986 ata 2005. Baixo o seu liderado, este pequeno centro de investigación ao norte de Londres converteuse nun dos centros de referencia a nivel mundial no estudo dos tres erres do metabolismo do ADN: Reparación, Recombinación e Replicación.

Na actualidade, Tomas Lindahl continúa como científico emérito no Instituto Francis Crick de Londres. Ademais do premio Nobel, Lindahl recibiu outros premios de gran relevancia, como a Medalla Real da Royal Society en 2007, o Prix Etranger do INSERM (2009) e a Medalla Copley da Royal Society en 2010, o galardón científico máis antigo do mundo.

A visita de Lindahl enmárcase nas actividades da décimo cuarta edición do Programa ConCiencia da USC e o Consorcio de Santiago de Compostela, o cal conta coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología - Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades.

O reitor Antonio López xunto a Tomas Lindahl, quen asina no Libro de Honra da USC. Foto: Santi Alvite Lindahl e a súa dona posan xunto ao reitor Antonio López; o vicerreitor de Investigación e Innovación, Vicente Pérez Muñuzuri; e os profesores da USC Jorge Mira Pérez e Miguel González Blanco. Foto: Santi Alvite

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.12.2019.