Ir o contido principal

Tecnoeduc estreita vínculos cunha delegación de investigadores da Universidade Estadual do Ceará-Brasil

A delegación mantivo unha xuntanza co reitor Antonio López
A delegación mantivo unha xuntanza co reitor Antonio López
A estadía procura o intercambio de coñecemento sobre as políticas científicas, liñas e tendencia de investigación educativa en Europa e Iberoamérica
Santiago de Compostela

Unha delegación de quince investigadores/as do Programa de Pós-Graduação em Educação da Universidade Estadual do Ceará (PPGE/UECE), recoñecido como programa de excelencia nacional,  visita a USC en misión científica durante os días 1 e 10 de setembro. A estadía de investigación procura o intercambio de coñecemento sobre as políticas científicas, liñas e tendencia de investigación educativa en Europa e Iberoamérica e o establecemento de accións conxuntas entre o grupo de investigación LATES (Laboratório de Analítica, Tecnologia Educacional e Software Livre) e o grupo de investigación de Tecnoloxía Educativa da USC (TECNOEDUC).

O programa de traballo, coordinado polas investigadoras receptoras da USC Beatriz Cebreiro López e Carmen Fernández Morante, o director do grupo LATEX, o investigador João Batista Carvalho Nunes, e o director do  PPGE, José Airton de Freitas Pontes Junior, inclúe conferencias sobre as investigacións realizadas, reunións de traballo con membros de ambos os grupos e investigadores do CESGA, a definición de novas liñas e proxectos de investigación conxuntas, e a impartición conxunta dun seminario sobre Ciencia de Datos en Educación (Education Data Science), Analítica de Aprendizaxe (Learning Analytics) e validación de instrumentos de investigación e avaliación educativa. No comezo do vindeiro ano, as investigadoras da USC visitarán a Universidade Estadual do Ceará completando así a misión científica planificada por ambas as institucións.

Durante a visita en Compostela, a delegación brasileira coñeceu a Biblioteca América acompañada polo profesor da Facultade de Xeografía e Historia Javier Garbayo, alén de manter unha xuntanza co reitor Antonio López.  
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.09.2023.