SEPA-interea repasa nunha mostra a evolución no eido educativo da loita contra a discriminación de xénero
A exposición ‘Educación, xénero e lectura (1857-2020)’ é unha iniciativa académica e cultural que pretende mostrar como os manuais escolares, os textos de literatura infantil e xuvenil e outros documentos de ensino-aprendizaxe foron tradicionalmente utilizados como recursos orientados a moldear a infancia con discriminación de xénero. A mostra, cuxo comisariado corre a cargo dos profesores da USC, Rita Gradaille e Antón Costa Rico, pretende tamén informar sobre procesos, iniciativas e referentes pedagóxicos, culturais e sociais que evidencian a relevancia de dinámicas alternativas cara a superación dos estereotipos e das discriminacións. A mostra permanecerá aberta, polo menos, ata o 8 de marzo de 2024.
A exposición inaugurada este venres 26 no Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA) quere “promover unha conciencia crítica e favorecer a adopción e consolidación de valores, actitudes e comportamentos que alenten unha sociedade máis libre, xusta, equitativa e inclusiva”, explican. Esta é unha iniciativa desenvolvida polo Grupo de Investigación SEPA-interea, da Facultade de Ciencias da Educación da USC, e que parte dunha iniciativa expositiva previa sobre Lectura, Xénero e Infancia, que desenvolveu o Centro de Estudos de Promoción da Lectura e a Literatura Infantil (CEPLI), da Universidade de Castela-A Mancha, materializada coa contribución técnica do MUPEGA e do conxunto do equipo organizador. O acto inaugural contou coa participación da vicerreitora de Estudantes e Cultura da USC, Pilar Murias; do investigador principal de SEPA-interea, José Antonio Caride, da directora do MUPEGA, Beatriz Seco González; do director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; e Santiago Yubero, director do CEPLI, alén dos comisarios da exposición.
Tres chanzos
A mostra foi estruturada sobre un eixe temporal en tres amplos chanzos: o período que se trazou dende 1857 (Lei Moyano de Educación en España) ata fins dos pasados anos sesenta; o do inicio dunha visión reformadora (a partir da Lei de Educación de 1970), que se foi fraguando sobre todo durante os anos oitenta do século XX; e, finalmente, “o tempo da transformación de mentalidades, visións e prácticas que falan da igualdade de dereitos e da loita contra as discriminacións, onde nos situamos sobre todo no presente século XXI, e que nos esixe atención democrática ante novos modos de retroceso”, sinalan Gradaillle e Costa Rico.
“Dende a ollada tradicional e discriminatoria, que se evidencia nos libros de uso escolar e familiar (de texto e de lectura), nos obxectos con usos de aprendizaxe, nos xoguetes, nos refráns e nas fotografías expostas, a mirada pode ir trasladándose cara as primeiras mostras de reivindicación da coeducación, que sobre todo a partir dos últimos pasados anos setenta comezaron a reclamarse dende os incipientes movementos e publicacións de renovación pedagóxica, e dende os primeiros gromos de sindicalismo democrático, como parte dunha certa mobilización social”, engaden. Nun chanzo máis, a lexislación estatal española, en particular a través da LOXSE de 1990 e as normas das comunidades autónomas, proceden a recoller “o máis esixente sentir social democrático, vindo igualmente a promover desde o sistema educativo unha actuación máis esixente”, matizan.
Finalmente, a exposición procura poñer de manifesto como os últimos trinta anos son testemuño de iniciativas, publicacións, actividades de investigación e encontros de debate que, en diversas escalas, queren propiciar “unha intensa conciencia social contra a discriminación de xénero”, conclúen.