Ir o contido principal

O Seminario Mulleres e Universidade achega unha visión non sexista na Semana da Ciencia

A actividade ‘Mulleres Nobel en Física e Química’ comeza este martes 16

Fomentar o principio de igualdade de oportunidades das mulleres no ámbito científico é un dos obxectivos das actividades que o Seminario Mulleres e Universidade (SMU) da USC organiza esta semana enmarcadas en Diverciencia. Serán máis de 200 os estudantes da USC que asistan a un programa divulgativo que nesta ocasión versará sobre os Premios Nobel conseguidos por mulleres na área de Fisica e Química. Todo desenvolverase arredor dunha exposición interactiva que permanecerá aberta ata o día 21 na Facultade de Bioloxía e de mesas redondas e conferencias a cargo de docentes da institución compostelá. A inauguración terá lugar este martes 17, ás 19:30 horas na Aula Magna da Facultade de Bioloxía, baixo a presidencia do reitor da USC, Juan Casares Long, e nela intervirán a coordinadora do Seminario Mulleres Universidade, Montserrat Nogueira Álvarez, e a investigadora Ana María González Noya, encargada de pronunciar a conferencia de apertura, titulada ‘As científicas no sistema periódico’. As científicas homenaxeadas do ciclo deste ano son, en Física, Marie Sklodowska Curie en 1903 e Maria Goeppert-Mayer en 1963. En Química acadaron Nobel catro mulleres: Marie Sklodowska Curie en 1911; Irène Joliot-Curie en 1935; Dorothy Crowfoot Hodgkin en 1964 e Ada E. Yonath o pasado ano. Programa Logo da inauguración deste martes, o programa continuará o mércores 17 (á mesma hora e lugar) coa catedrática de Fisioloxía Vexetal da USC Gloria Revilla López, encargada de facer unha semblanza de Dorothy Crowfoot Hodgkin. O xoves tocaralle a Francisco Javier Salgado Castro, profesor de Bioquímica e Bioloxía Molecular, quen fará o propio con Ada E Yonath. Por último, o venres 19, ás 19:00 na Aula Magna da Facultade de Bioloxía, as profesoras do Departamento de Bioquímica e Bioloxía Molecular Pilar Arias Crespo e Montserrat Nogueira Alvarez moderarán unha mesa científica sobre as mulleres Nobel en Física e Química.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.11.2010.