Ir o contido principal

Santiago, sede española da celebración do Día Internacional da Luz

Santiago, sede española da celebración do Día Internacional da Luz
Santiago, sede española da celebración do Día Internacional da Luz
O acto central, que organizan docentes da USC, ten lugar este mércores no Hostal dos Reis Católicos

O Comité Español do Día Internacional da Luz (DIL) designou este ano Santiago de Compostela como sede do acto central que, tal e como declarou a UNESCO, ten lugar cada 16 de maio. A Universidade de Santiago de Compostela é, por tanto, a encargada de organizar un evento que terá lugar na cidade un día antes, este mércores 15, no Hostal dos Reis Católicos.

Na cerimonia inaugural, ás 10.00 horas, está prevista a asistencia do vicerreitor de Investigación e Innovación, Vicente Pérez Muñuzuri; a conselleira de Educación, Universidade e FP, Carmen Pomar; o presidente da Sociedade Europea de Óptica (EOS) e secretario xeral da Comisión Internacional de Óptica ICO, Humberto Michinel; a decana da Facultade de Física, Elena López Lago; a vicepresidenta do Comité Español do DIL, María Luisa Calvo; a vicepresidenta da Sociedade Española de Óptica, Sagrario Millán; o presidente da Sociedade Portuguesa de Óptica e Fotónica, Manuel Filipe da Costa; e a presidenta do Comité Local Organizador do acto central do DIL 2019 e profesora da USC, Maite Flores-Arias.

No acto participarán 500 asistentes, incluíndo persoal investigador de diferentes universidades españolas e portuguesas, alumnado universitario e de educación secundaria e bacharelato así como dos bacharelatos de excelencia en Ciencia e Tecnoloxía do programa STEMbach da Xunta de Galicia.

Logo da apertura, terán lugar catro charlas divulgativas impartidas por científicos de renome internacional dirixidas ao gran público, dúas delas sobre as temáticas merecedoras dos dous Premios Nobel 2019 de Física. Simultaneamente desenvolveranse talleres divulgativos dirixidos a alumnado de educación secundaria.

Así, ás 10:15 horas o catedrático de óptica da Universidade de Murcia Pablo Artal falará de tecnoloxías da luz empregadas para ver mellor. Xa ás 11.00 horas a profesora do departamento de Fisioloxía da Facultade de Bioloxía da Universidade de Murcia e co directora do laboratorio de Cronobioloxía, Mª de los Ángeles Rol, explicará a influencia da luz no noso reloxo biolóxico. Tres cuartos de hora máis tarde, o catedrático de Óptica na Universidade de Salamanca Luis Plaja adentrarase na óptica extrema ultrarrápida e ultraintensa. Como colofón, ás 12.30 horas a doutoranda da Complutense Mercedes Angulo ensinaranos a maxia da luz para manipular e mover células.

Xunto con Teresa Flores-Arias, participan na organización do evento os profesores Carmen Bao Varela e Justo Arines Piferrer, todos eles do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, así como a estudante de doutoramento María Aymerich, presidenta do Student Chapter da Sociedade Americana de Óptica (OSA) na USC.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.05.2019.