Romero destaca a “excelencia académica” da EPS de Enxeñaría e pon en valor da formación STEM e agroforestal
A profesora da área de Produción Vexetal da USC Rosa Romero Franco tomou este mércores posesión como directora da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría no marco dunha sesión presidida polo reitor Antonio López e na que salientou a “excelencia académica” do centro universitario lugués, ao tempo que reivindicou a “relevancia social” da formación nas chamadas disciplinas STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas), así como nos ámbitos agrario e forestal.
Acompañada das persoas que integran o novo equipo de dirección da EPS de Enxeñaría, no que os profesores Alberte Castro, Carlos Núñez, Emilio Carral ocuparán cadansúa subdirección, mentres que a tamén docente María José Iniesto continuará coas funcións da secretaría académica, Rosa Romero debullou algunhas das múltiples fortalezas da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC. “Somos un centro complexo no que se imparten moitos títulos de grao e de mestrado, pero a nosa dimensión interdisciplinar fai posible establecer sinerxías coas demais facultades e escolas do Campus de Lugo e da USC, así como coa sociedade da nosa contorna. E todo isto redunda nunha mellor formación integral do alumnado”, dixo.
Investigación
A investigación, do mesmo xeito que a probada solvencia académica duns títulos de grao e mestrado avalados por selos de calidade nacionais e internacionais, é outro dos piares da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, o marco no que traballan 18 grupos de investigación con proxección nacional e internacional en diversos ámbitos científicos e que posibilitan a captación de ingresos por importe de 5,5 millóns de euros. Alén dos proxectos que se desenvolven neste centro do Campus de Lugo, no que se fai “moita investigación aplicada que permite a transferencia de coñecemento e resultados á sociedade”, Rosa Romero reivindicou un maior recoñecemento ao labor de divulgación científica que se fai desde o centro, sobre todo nun contexto no que “o que non se difunde non existe”, dixo.
“Este traballo de proxección reforza a reputación social do centro universitario, pero tamén permite avivar reflexións colectivas sobre a transcendencia da conservación dos recursos naturais, así como sobre pautas para a súa xestión sustentable, ao tempo que se achegan novas ferramentas que permiten optimizar o aproveitamento dos recursos”, sinalou a directora da EPSE, que tamén apuntou o programa de prácticas externas do alumnado en máis de 500 entidades e empresas como outra das fortalezas dun centro no que cursan estudos de grao uns 600 estudantes e que afronta “unha etapa ilusionante”, afirmou ou reitor Antonio López.
A conxuntura demográfica que é especialmente crítica na Galicia interior, que experimenta unha progresiva perda de poboación e a diminución da mocidade que orienta o seu futuro universitario cara ás enxeñarías son desafíos que perseguen á EPS de Enxeñaría desde hai anos e aos que temos que seguir enfrontándonos, lembrou Romero, porque “para cumprir a nosa actividade formativa e de I+D precisamos alumnado”.
Formación aberta
A posta en marcha dun programa de formación aberta na EPSE, a xeito de xanela aberta a toda a sociedade interesada en participar nas actividades promovidas ou desenvolvidas no centro universitario lugués, a continuación cos programas de achegamento ao estudantado de ensino secundario e Formación Profesional que xa se veñen desenvolvendo e a articulación de novas iniciativas encamiñadas a espertar vocacións cara ás enxeñarías entre o alumnado máis cativo constitúen algunhas das liñas de traballo deseñadas para sortear este reto demográfico.
A revitalización de programas de internacionalización da EPSE constitúe outras das apostas do novo equipo de goberno para tratar de captar alumnado. As accións previstas neste senso pasan por reactivar programas outrora activos con centros universitarios europeos, sobre todo de Italia, a explorar colaboracións e intercambios en América Latina e tamén nos países do ámbito da lusofonía. A captación de estudantes de mestrado impulsaría a I+D+i e o número de doutores da EPSE e, en consecuencia, do Campus Terra da USC.
O acto de toma de posesión da profesora Romero Franco como directora da EPS de Enxeñaría da USC congregou no salón de actos do centro universitario lugués un amplo número de docentes e investigadores do Campus de Lugo, así como unha ampla representación de autoridades académicas da USC, entre as que se atopaban a secretaria Xeral da USC, Dulce García Mella, e o vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga, directores e decanos e decanas da USC, e o director saínte da EPSE, o profesor Tomás Cuesta. A alcaldesa do Concello de Lugo, Lara Méndez; o deputado provincial Pablo Rivera e, entre outros, representantes dos colexios profesionais, tamén asistiron á sesión.