Ricardo Riguera recibe o Premio á Excelencia en Investigación en Química de Produtos Naturais
O Grupo Especializado de Química de Produtos Naturais (GQPN) da Real Sociedade Española de Química (RSEQ) vén de outorgar o seu Premio á Excelencia en Investigación 2023 ao profesor emérito da USC Ricardo Riguera, recoñecendo desde xeito a súa valiosa contribución nesta área da Química.
Entre outros avances, o traballo do profesor Riguera permitiu describir un gran número de metabolitos bioactivos tales como como o primeiro heptaciclopéptido e o primeiro ciclodepsipéptido illados de organismos mariños. Tambien identificou un dos primeiros exemplos de metabolitos citotóxicos procedentes de bacterias mariñas, levou a cabo a primeira descrición de L-galactosa como parte dun produto natural así como a dun glicoconjugado de orixe mariña que ata entón era considerado como exclusivo de humanos.
Nos anos noventa, o equipo de Riguera foi un dos tres grupos de investigación no mundo e o único europeo que abordaron o estudo dos compostos hidrosolubles de alto peso molecular de orixe mariña, levando a cabo o primeiro estudo exhaustivo deste tipo de compostos en animais de augas profundas da Antártida de Chile e do Pacífico Norte.
A súa investigación tamén abarcou áreas como a Química Farmacéutica e a Metodoloxía Sintética, con importantes publicacións sobre síntese, avaliación farmacolóxica e REA de diversos inhibidores encimáticos. Destaca especialmente o seu traballo en Resonancia Magnetica Nuclear, onde o profesor Riguera é unha figura de referencia internacional no uso desa metodoloxía para a determinación da configuración absoluta.
Riguera, actualmente profesor emérito da USC, foi director do Departamento de Química Orgánica, decano da Facultade de Química e vicerreitor da Universidade de Santiago de Compostela. É ademais autor de máis de 250 publicacións, dirixiu máis de 30 teses e impartiu cursos de posgrao en numerosas universidades. Foi tamén investigador principal no CiQUS desde os inicios do centro ata 2021, liderando a investigación sobre a formación de estruturas poliméricas e as súas aplicacións no transporte de fármacos e como sensores quirais.
O premio da RSEQ súmase a outros recoñecementos como a Medalla Félix Serratosa da mesma Sociedade en 2013 polos seus traballos en Química Orgánica e en 2018 o Premio GERMN pola súa investigación no campo da RMN.