Ir o contido principal

Rematan as actividades da promoción 2021 de Estalmat-Galicia

O Proxecto Estalmat-Galicia está pilotado por membros da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela e de distintos centros de ensino secundario de Galicia. FOTO: Santi Alvite
O Proxecto Estalmat-Galicia está pilotado por membros da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela e de distintos centros de ensino secundario de Galicia. FOTO: Santi Alvite
Neste terceiro curso, denominado Estalmat- π, participaron 20 dos 30 estudantes que conformaron a promoción décimo quinta do proxecto

A promoción que iniciou a súa andaina en Estalmat-Galicia no ano 2021 despídese este sábado, 3 de febreiro, nun acto de clausura que se desenvolve na Facultade de Matemáticas da USC. O programa, avalado pola Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales de España, conta co apoio da USC, da Consellaría de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, a Axencia Galega de Innovación e das Deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra e CASIO. Colabora tamén o Centro de Supercomputación de Galicia e o CITMAGA.  

Na primeira parte da xornada, a partir das 10.30 horas, a promoción e a súas familias, cunha representación do Comité organizador, visita as instalacións do CESGA. Ás 12.15 horas comeza na Facultade de Matemáticas a segunda parte da xornada. O acto de entrega de diplomas está presidido pola vicerreitora de Política Científica, Pilar Bermejo Barrera. No acto tamén participan a decana e presidenta de Estalmat-Galicia, Mª Elena Vázquez Cendón; a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández Novoa; a responsable de Relacións e Actividades coas Familias do programa, Trinidad Pérez López; e a coordinadora académica de Estalmat-Galicia, Sandra Díaz Mouro, que se encarga de formular preguntas en tempo real ás familias da promoción cunha aplicación móbil.

Neste terceiro curso, denominado Estalmat- π, participaron 20 dos 30 estudantes que conformaron a promoción décimo quinta do proxecto: a primeira que fixo as probas descentralizadas en A Coruña, Lugo, Pontevedra, Vigo, Ourense e Santiago.  Nomeadamente, esta promoción goza dunha sesión novidosa de manexo da calculara científica, que no seu momento lle doou CASIO Educación, que se suma ao patrocinio do programa e que tamén facilitou recursos para os estudantes de primeiro curso, salientando unha calculadora CASIO FX-991SP CW, para cada unha e cada un dos novos estudantes, dita calculadora científica ten a opción de comunicarse en cinco linguas, entre elas o galego.

O Proxecto Estalmat-Galicia está pilotado por membros da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela e de distintos centros de ensino secundario de Galicia, contando con profesorado das tres universidades galegas e do ensino medio.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.02.2024.