Remata a VI Feira de Outono das Emprendedoras de Compostela coa feira presencial na casa Maruxa e Coralia
A casa Maruxa e Coralia, no centro histórico de Compostela, é o escenario da última xornada da VI Feira de Outono das Emprendedoras de Compostela, organizada un ano máis pola USC, a través do programa Woman Emprende, e o Concello de Santiago.
Logo de tres días de formación en liña coa participación de profesoras da USC sobre economías feminista e do coidado, o evento remata este venres cunha feira presencial (que tamén se pode seguir en directo por Youtube) que inauguraron a delegada do reitor para a Igualdade da USC, Sonia Rodríguez, e a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, María Rozas, presentadas pola responsable de Woman Emprende, Eva López, quen se parabenizou de que esta iniciativa chegue xa á súa sexta edición, converténdose nunha cita “xa imprescindible na axenda da cidade”. Na súa intervención puxo en valor a temática da xornada, as economías feminista e do coidado, que tratan de “darlle a volta ao iceberg no que os coidados non aparecen na economía produtiva, “sendo esenciais, para que efectivamente conten e adquiran valor tamén económico”.
Precisamente neste punto incidiu a delegada do reitor, Sonia Rodríguez, quen sacou a colación a teoría da ética do coidado da psicóloga estadounidense Carol Gilligan, que afirma que por natureza todos e todas estamos dispostos ao coidado. “Foi nun momento da Historia da Humanidade cando se nos foi asignado ás mulleres o rol do coidado, e esa é a estrutura concibida polo capitalismo liberal que debemos derribar, esa concepción debemos derrubala para facer dos coidados unha actividade na que homes e mulleres temos cabida e que ademaais sexa considerada como unha actividade produtiva que apareza nesa cúspide do iceberg”, manifestou.
Tamén se sumou aos parabéns a concelleira María Rozas, especialmente pola escolla da temática desta sexta edición. “É moi necesario falar de feminismo e dos coidados en termos económicos”, afirmou, xa que “case sempre cando falamos de coidado ou conciliación facémolo dende a órbita do privado, do individual, e debemos situalo como unha actividade máis xeradora de valor”.
Charlas complementarias
Ademais dos postos das empresas de mulleres emprendedoras galegas, a feira acompáñase dunha serie de charlas nas que toman a palabra as influencers galegas Leticia Miraz e Sara Seco, a experta en igualdade e xénero Priscila Retamozo, a psicóloga Lucía Álvarez, a xefa de traballo social da Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Isabel Sánchez, a profesora de Antropoloxía Social e Cultural da USC Guadalupe Jiménez, o formador Marcos Saavedra e a docente en pensamento creativo Paz Picallo.
Hai tamén unha mesa de experiencias de proxectos como Designthinking.gal, Maker Faire Galicia ou VermisLAB, baseados en sacar rendemento a equipos feministas e aproveitar a riqueza dos diferentes puntos de vista de grupos con ampla diversidade de pensamento e traballo.
Economías feminista e dos coidados
A economía feminista é un enfoque crítico que examina como as relacións de xénero e as desigualdades inflúen na economía e avoga por políticas que promovan a igualdade de xénero e o empoderamento das mulleres. Destaca a importancia de recoñecer e valorar o traballo non remunerado, como o traballo doméstico e de coidado, realizado principalmente por mulleres e propón medidas como a equidade salarial, o acceso igualitario a oportunidades económicas, o recoñecemento do traballo doméstico e de coidado, e a redistribución do traballo e o poder na economía.
Pola súa banda, a economía do coidado céntrase no estudo e a valoración do traballo de coidado non remunerado, que inclúe o coidado de nenos, persoas maiores, enfermos e tarefas domésticas. Partindo de que o traballo de coidado é fundamental para o benestar humano e o funcionamento da economía, xa que sostén e reproduce a forza laboral, destaca como as desigualdades de xénero e socioeconómicas afectan a distribución deste traballo, cunha carga desproporcionada que recae sobre as mulleres e as comunidades marxinadas. Para combater esta desigualdade, propón políticas para valorar e redistribuír equitativamente o traballo de coidado, como servizos de coidado alcanzables e accesibles, políticas de licenza parental remunerada, e apoio a coidadores informais.