Ir o contido principal

Relacionan o desgaste dental acentuado co consumo masivo de peixe na Pontevedra dos séculos XIII a XVII

Lugares da cidade de Pontevedra onde se obtiveron as pezas dentais: Santa María (nº1), San Bartolomeu (nº2), Praza de España (nº3), Ponte do Burgo (nº4) e Ampliación do Museo de Pontevedra (nº5)
Lugares da cidade de Pontevedra onde se obtiveron as pezas dentais: Santa María (nº1), San Bartolomeu (nº2), Praza de España (nº3), Ponte do Burgo (nº4) e Ampliación do Museo de Pontevedra (nº5)
Demostran por primeira vez que existe conexión entre a dieta característica da época medieval e moderna de Pontevedra cunhas lesións dentais concretas

Un equipo interdisciplinar da USC relaciona por primeira vez o desgaste dental acentuado co consumo masivo de peixe na poboación pontevedresa dos séculos XIII a XVII naquelas persoas. Tres investigadores do Grupo EcoPast da USC adscritos ao Centro Interdisciplinar de Investigación en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) demostran nun artigo publicado na revista ‘Archaeological and Anthropological Sciences’ que existe conexión entre a dieta característica da época medieval e moderna de Pontevedra cunhas lesións dentais que amosaban desgaste moi severo.

Clara Veiga Rilo, Antonio Martínez Cortizas e Olalla López Costas relacionan na súa investigación unha dieta hiperespecializada baseada no peixe cunha patoloxía oral concreta, o desgaste dental acentuado, por primeira vez na disciplina bioarqueolóxica. A investigadora principal deste traballo, Clara Veiga Rilo, obtivo en 2021 unha bolsa de investigación da Deputación da Coruña dotada con 10.000 euros, para o proxecto ‘Patróns de alimentación na Galicia Romana e Medieval a través da patoloxía oral e do estudio xeoquímico e de microrrestos en cálculo dental’, que lle permitiu desenvolver unha parte das tarefas e comeza este mes de abril unha estadía de investigación en Canadá, na Western University (Ontario), para desenvolver máis a investigación sobre o impacto da dieta baseada en peixe e marisco dos pontevedreses medievais e modernos.

A época medieval en terras galegas é estudada en base a fontes históricas, artísticas e arqueolóxicas. Neste caso o traballo baseouse en análises multiisotópicas e da patoloxía oral realizadas sobre 34 individuos medievais e modernos que viviron entre os séculos XIII e XVII e que foron enterrados nas necrópoles pontevedresas de Santa María a Maior e San Bartolomeu o Vello. A partir das análises nas que os esqueletos son os protagonistas, pódense descubrir aspectos da vida tan íntimos pero tan cotiáns coma a saúde das bocas dos individuos ou a dieta que seguían nos seus últimos anos de vida. Así, mediante o estudo dos esqueletos pontevedreses, pertencentes a persoas de clase media e relacionados coa pesca e artesanía, este artigo permite achegarnos a modos de vida e saúde da Pontevedra medieval e moderna.

Pode parecer obvio que a dieta, procesada en primeira instancia pola boca, deixe marcas nos dentes, pero a disciplina bioarqueolóxica non conseguira aínda unir ambos os dous conceptos. Un dos motivos era que os estudos anteriores realizados noutras poboacións estudaban dietas xeralistas que non deixaban marcadores específicos. Non obstante, a dieta das trinta e catro persoas analizadas (aquelas que preservaban como mínimo un dente) estaba tan centrada no consumo de peixe que foi considerada coma hiperespecialista.

Con esta dieta tan característica, os investigadores puideron identificar a súa relación coa patoloxía oral presentando esta poboación un nivel de desgaste dental moi severo dende as primeiras etapas da vida.  As necrópoles de Pontevedra revelan ao mundo por primeira vez a relación entre a dieta e o desgaste dos dentes, sendo información moi valiosa para o futuro.

O desgaste dental é unha patoloxía complexa que impacta directamente na nosa saúde, pois a maior desgaste, maior posibilidade de carie e outras lesións que empobrecen a saúde da boca. Este traballo conclúe que o consumo habitual de peixe e marisco da Pontevedra medieval e moderna tivo consecuencias na saúde dental, sendo esta relación moi informativa para o futuro. Coma curiosidade, a taxa de desgaste na actualidade é moito menor que nas sociedades do pasado, debido en parte á maneira de procesar os alimentos. Este achado non só contribúe ao coñecemento científico abordando un baleiro existente na disciplina bioarqueolóxica, senón que é un estudo clave para entender a vida cotiá das clases populares urbanas da Galicia medieval e moderna.

A investigación é parte do proxecto europeo ERC Consolidator Grant denominado PollutedPast, onde neste momento se está a perfilar a alimentación e a vida das persoas do período medieval como paso previo a analizar o impacto da contaminación de metais nas sociedades do pasado.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.04.2024.