Ir o contido principal

A relación entre a épica francesa e o Camiño de Santiago achegouse en 'In marsupiis peregrinorum'

Esta foi a primeira cuestión a tratar este martes na Facultade de Filoloxía

O congreso internacional ‘In marsupiis peregrinorum. Circulación de textos e imaxes arredor do Camiño de Santiago na Idade Media’ continuou coa intervención do profesor da USC Santiago López Martínez-Morás sobre a épica francesa e o Camiño de Santiago. O encontro celébrase ata o venres 28 na Facultade de Filoloxía.
No transcurso da conferencia, o investigador galego defendeu a relación dos textos da épica francesa medieval, como o Cantar de Roldán que inciden na lenda da conquista de España por Carlomagno e o desastre de Roncesvalles, co Pseudo-turpín e escritos posteriores da tradición francesa e franco-italiana. Ao mesmo tempo, incidiu na “inexactitude da toponimia ibérica” usada nos textos franceses.
O docente da Università degli Studi di Trieste Marco Piccat seguiu tratando a mesma cuestión centrándose, neste caso, nas versións posteriores do Pseudo-turpín redactadas en occitano. Segundo o filólogo italiano, nelas “vese unha maior exactitude na descrición dos topónimos peninsulares”.
Pola súa banda, os profesores da USC Ramón Mariño Paz e Xavier Varela subliñaron a pluralidade lingüística medieval, tempo no que o latín, tradicional medio de comunicación da cultura, vai pouco a pouco deixando paso ás diversas variedades románicas, “moito máis plurais ca hoxe” e que circulan libremente no espazo cultural europeo da época.
O primeiro relatorio da tarde é o titulado ‘Route de Saint-Jacques ou conquête de l’Espagne? Autour de la Chronique de Turpin, de chansons de geste et de Philippe Mousket’ do investigador da Université Paris IV-Sorbonne Dominique Boutet. Despois hai un coloquio, dúas comunicacións e unha reunión de doutorandos europeos.
Mércores 26
'
In marsupiis peregrinorum' abre o mércores 26, ás 10:00 horas, coa conferencia da investigadora do CSIC, Ana María Carballeira, sobre o fenómeno xacobeo na narrativa árabe. A sesión académica segue ás 10:45 horas coa intervención do profesor da Università degli Studi di Roma La Sapienza, Giuseppe Tavani, acerca dos comezos do Camiño.
Logo, ás 13:00 horas, o relatorio ‘Il cronotopo del poema epico’ do profesor da Università degli Studi di Pavia, Cesare Segre, porá fin ao primeiro bloque do congreso no que especialistas internacionais abordaron o Camiño de Santiago na Idade Media dende diversas perspectivas.
‘I Congreso de Novos Investigadores na Idade Media’Titulada ‘I Congreso de Novos Investigadores na Idade Media’, a segunda parte do encontro diríxese aos doutorandos que desexen presentar comunicacións e intervir en mesas redondas con recoñecidos expertos. Este apartado dará comezo o xoves 27, ás 10:00 horas, analizando a historia e mitoloxía do Pico Sacro. Durante a xornada tamén se falará acerca da circulación peninsular da materia artúrica, de textos occitanos ou a simbolización do espazo no Camiño de Santiago, entre outras moitas cuestións.
Xa o venres 28, os novos investigadores analizarán a circulación da música arredor do Camiño de Santiago, a creación dun espazo da conciencia, a influencia do Pseudo-Turpín no cantar de xesta L’entrée d’Espagne, a lenda da peregrinación xacobea de Saint Julien l’hospitalier e o discurso historiográfico sobre a formación do Reino de Portugal.
As cinco xornadas do encontro representan a sétima edición do congreso internacional do Programa de Doutoramento Europeo en Filoloxía Románica que a USC mantén coas universidades de Milano, Zúrich, Paris IV-Sorbonne, Pavia e Siena.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.03.2008.