Ir o contido principal
Este portal emprega cookies propias ou de terceiros con fins analíticos, así como ligazóns a portais de terceiros para poder compartir contido nas redes sociais. Pode obter máis información na <a href="https://pro-assets-usc.azureedge.net/gl/aviso-legal">política de cookies</a>.

A Real Sociedade Española de Química recoñece a traxectoria científica do profesor Enrique Guitián

A Real Sociedade Española de Química recoñece a traxectoria científica do profesor Enrique Guitián
A Real Sociedade Española de Química recoñece a traxectoria científica do profesor Enrique Guitián

O catedrático de Química Orgánica da USC Enrique Guitián acaba de conseguir o premio da Real Sociedade Española de Química 2019 en recoñecemento a unha carreira distinguida. O galardón, que comparte con Mª Ángeles Monge Bravo, do Instituto de Ciencia de Materiais de Madrid, concédeselle a membros da entidade con traxectorias científicas brillantes e sostidas no tempo.

Enrique Guitián realizou a súa tese de doutoramento na Universidade de Santiago no campo da síntese de produtos naturais baixo a dirección dos profesores Castedo, Suau e Saa. Realizou unha estadía posdoutoral na Universidade de Hannover na que traballou na síntese enantioselectiva de alcaloides indólicos no grupo de investigación do profesor Winterfeldt. Director de máis de 20 teses de doutoramento, conta cun cento de publicacións en revistas científicas de referencia.

As súas áreas de investigación céntranse na química de arinos, a síntese de produtos naturais, as reaccións pericíclicas, a catálise organometálica e os materiais moleculares. Na actualidade é investigador principal do grupo Catálise Organometálica e Materiais Moleculares Orgánicos, especializado no desenvolvemento de novas metodoloxías sintéticas, o estudo da química de arinos e a preparación de grandes moléculas aromáticas e nanografenos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.03.2019.