Ir o contido principal

Raquel Rodríguez asume o decanato de Enfermaría coa ollada posta na actualización das competencias dos futuros profesionais

Raquel Rodríguez foi elixida por unanimidade. FOTO: Santi Alvite
Raquel Rodríguez foi elixida por unanimidade. FOTO: Santi Alvite
A profesora foi elixida por unanimidade logo dos comicios que se acaban de desenvolver no centro
Santiago de Compostela

A profesora Raquel Rodríguez González foi elixida por unanimidade decana da Facultade de Enfermaría da USC logo dos comicios que se acaban de desenvolver. A profesora Rodríguez González centrará o mandato que agora se inicia na mellora das infraestruturas e no remate da implementación do novo plan de estudos do grao en Enfermaría, “que supón unha importante actualización dos contidos e competencias dos futuros profesionais”, explicou. 
Revisar e mellorar o sistema de xestión da calidade do centro será outro dos horizontes que persegue a profesora Rodríguez xunto co aumento da internacionalización dos títulos, “incrementando o número de estudantes tanto saíntes como entrantes, así como os destinos ofertados”, engade.

Ademais, no capítulo de profesorado, aspira a continuar coa liña actual de renovación e consolidación de prazas de Persoal Docente e Investigador (PDI), alén de afianzar e incrementar as actividades de investigación lideradas polo PDI da Facultade a través da captación de fondos, así como aumentar o número de estudantes de doutoramento en Enfermaría. A decana tamén subliñou o seu desexo de contribuír á mellora da imaxe social da profesión enfermeira e a súa identidade propia, “visibilizando as súas competencias nos eidos docente, investigador, asistencial e xestor”. 

Traxectoria

Ademais de en Enfermaría, a profesora Rodríguez é tamén titulada en Bioloxía Molecular. Foi vicedecana de Internacionalización e Estudantes da Facultade de Enfermaría dende 2017, coordinadora da área de Enfermaría dende 2016 e membro da Comisión de Revisión da USC dende 2021. Entre a súa traxectoria investigadora, destaca o seu período pre e postdoutoral no Instituto de Saúde Carlos III, xunto coas estadías na Universidade de Cambridge (Reino Unido), Universidade Complutense de Madrid, Hospital Ramón y Cajal de Madrid, Hospital Universitario de Gran Canaria e Universidade de Génova (Italia). A profesora Rodríguez é membro da Academia de Enfermería de Galicia. 
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.10.2023.