Ir o contido principal

Rafael Martínez reivindica a transversalidade da filosofía na súa toma de posesión como decano

O reitor xunto ao novo equipo decanal de Filosofía. Foto: Alfonso-SERVIMAV
O reitor xunto ao novo equipo decanal de Filosofía. Foto: Alfonso-SERVIMAV

A Facultade de Filosofía debe estar “aberta aos saberes e ao resto da universidade, onde ciencia e discurso poidan articularse nun exercicio que sirva para formar talentos de xentes capaces de interpretar e transformar o mundo”. Con estas palabras resumía o profesor do Departamento de Filosofía e Antropoloxía Social Rafael Martínez Castro a súa intención para os vindeiros catro anos á fronte do decanato do centro compostelán. Na toma de posesión como decano comezou a súa emocionada intervención sinalando que o novo profesorado e persoal investigador “está a padecer de maneira moi grave a actual situación; por iso a súa estabilización e promoción constitúe un obxectivo primordial”. É así como se garantirá que o alumnado da Facultade, dixo, obteña unha formación “que os sitúe en frontal diálogo intelectual cos das mellores universidades do mundo”. E de igual xeito que denunciou as consecuencias da crise para os universitarios e universitarias fíxoo tamén cunha lei “insensata que ameaza a pervivencia da filosofía no ensino secundario”. “Contra isto –asegurou– seguiremos loitando; porque se insire nunha involución de signo antiilustrado e antidemocrático no ensino”. Martínez Castro rematou criticando o concepto de empregabilidade utilizado nos últimos tempos como criterio para determinar o mapa de titulacións universitarias. “Seguramente hai títulos que deben acomodarse estritamente ao mercado, pero a física, a filoloxía, a química, a bioloxía ou a historia son saberes –afirmou-, e os saberes xustifícanse por si mesmos”. Rafael Martínez Catro Martínez Castro estudou entre 1970 e 1975 Ciencias Económicas e Empresariais na USC para logo cursar Filosofía, onde se doutorou cunha tese sobre o problema da superación da metafísica en Heidegger e Zubiri. Na actualidade os seus intereses céntranse nos problemas da metafísica da complexidade. Ensinou ademais en Lugo e na Facultade de Filoloxía “entendendo, como o entendía Erasmo de Rotterdam, que sen ser sinónimos ‘filoloxía’ é ‘filosofía’ son vocablos indiferenciables”. O novo decano, que substitúe no cargo ao profesor Luis García Soto logo de dous mandatos á fronte do centro, foi apoiado na votación do mes de maio por unha amplísima maioría da xunta de facultade. Con el estarán no equipo decanal estes vindeiros catro anos os profesores Horta Álvarez e Conde Soto. Rafael Martínez Castro nun momento do seu discurso. Foto: Alfonso-SERVIMAV

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.06.2013.