Ir o contido principal

Publícanse as Actas do XXI Coloquio Internacional de Lingüística Latina na editorial De Gruyter

Portada do volume I
Portada do volume I
O encontro desenvolveuse en Santiago baixo a coordinación da catedrática de Filoloxía Latina da USC Concepción Cabrillana

A editorial De Gruyter, especializada na edición de libros académicos e publicacións científicas, acaba de publicar en dous volumes as ‘Actas do XXI Coloquio Internacional de Lingüística Latina’, que recollen unha selección de contribucións presentadas por primeira vez no XXI Coloquio Internacional de Lingüística Latina, celebrado en Santiago de Compostela en 2022 e coordinado pola catedrática de Filoloxía Latina do Departamento de Filoloxía Clásica, Francesa e Italiana da USC Concepción Cabrillana, quen tamén foi a coordinadora da edición das actas.

As actas abranguen temas esenciais da lingüística latina desde diversos enfoques teóricos e metodolóxicos. O primeiro volume inclúe traballos sobre sintaxe e semántica latinas, sintaxe e pragmática latinas, lingua grecolatina e lingüística dixital. As contribucións dan conta das últimas investigacións sobre cuestións moi relevantes en ámbitos específicos como a definitude, a sintaxe casual, a estrutura da oración, a orde das palabras, etc; ademais, preséntanse os avances metodolóxicos máis recentes utilizando diversas bases de datos, ferramenta clave na investigación contemporánea.

O segundo volume inclúe artigos sobre semántica e lexicografía, etimoloxía, estratexias discursivas e unha sección especial dedicada á análise da conversación e o diálogo. As contribucións dan conta das últimas investigacións sobre temas de gran relevancia en ámbitos específicos como a lexicoloxía nominal e adxectival desde unha perspectiva tanto sincrónica como diacrónica, o uso de palabras gregas como vehículo para a expresión de conceptos filosóficos, a elección e representación de diversas estratexias lingüísticas no discurso directo e indirecto, etc.

Unha sección especialmente innovadora ocúpase de diversos aspectos da linguaxe conversacional en varios tipos de texto, así como do uso de distintas estratexias que contribúen á expresión da (des)cortesía por parte dos participantes no acto de fala. O coñecemento dos traballos reunidos nestes volumes é de interese para as persoas que se dedican á investigación no campo da lingüística latina.

Portada do volume II
Portada do volume II
Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.06.2024.