Tres proxectos da USC acadan preto de 1,2 millóns de euros co programa Ignicia
A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain) e o seu Programa Ignicia, financiará con 1.174.820 euros tres proxectos da Universidade de Santiago. O Programa Ignicia Proba de Concepto ten como finalidade poñer en valor e apoiar o desenvolvemento das aplicacións comerciais da investigación xerada por centros de coñecemento galegos.
O proxecto da USC con maior financiamento na convocatoria de 2018 é ‘Fluorotools - Herramientas fluorescentes para la evaluación de fármacos’ que, liderado polo profesor de Química Orgánica e investigador do CiQUS da USC Eddy Sotelo, acadou 427.000 euros. O obxectivo último é desenvolver e comercializar unha nova xeración de ferramentas fluorescentes que minimicen o uso de ligandos radioactivos durante as campañas de cribado farmacolóxico.
O uso combinado desas ferramentas con técnicas de fluorescencia polarizada proporciona novos métodos de cribado de fármacos que destacan pola súa elevada sensibilidade, maior seguridade, gran versatilidade, menores custes e menor impacto ambiental. FluoroTools propón así a validación industrial dunha nova tecnoloxía para obter ligandos marcados con fluorescencia dirixidos a satisfacer a demanda da grande industria farmacéutica, compañías biotecnolóxicas e grupos de investigación.
Eliminación de células nai cancerosas con compostos de rutenio Pola súa banda, o proyecto ‘RuCSC-Direccionamiento selectivo y eliminación de células madre cancerosas con complejos sintéticos polipiridil de rutenio’, co catedrático de Química Orgánica e director do CiQUS da USC José Luis Mascareñas como investigador principal, conseguiu un financiamento de 386.603 euros.
Unha gran parte dos traballos dirixidos á busca de novos tratamentos anticancro céntranse no desenvolvemento de axentes citotóxicos que actúan sobre as células tumorais. RuCSC ten por obxectivo desenvolver compostos químicos, neste caso derivados de rutenio, capaces de atacar de forma selectiva células nai de cancro e así eliminar a súa capacidade para xerar tumores. Neste proxecto, baseado nunha tecnoloxía protexida mediante patente en cotitularidade coa Universidade Autónoma de Madrid, avanzarase no desenvolvemento preclínico coa fin de licenciar a tecnoloxía.
Intelixencia de negocio en palabras ‘InVerbis: inteligencia de negocio en palabras’ é o terceiro proxecto da USC financiado por Ignicia con 361.217 euros. Consciente de que as empresas e as Administracións Públicas dispoñen cada vez de máis datos nos seus sistemas de información e de que boa parte da súa eficiencia e eficacia depende de como xestionen os seus procesos de negocio ou actividade, un equipo liderado polo catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial Senén Barro propón a plataforma software InVerbis, baseada na investigación en Intelixencia Artificial realizada no seno do Grupo de Sistemas Intelixentes do CiTIUS da USC.
InVerbis incorpora algoritmos de descubrimento, análise e explicación automática de procesos de negocio moi por diante dos dispoñibles nas solucións actuais, e ademais integra tecnoloxía de xeración de linguaxe natural para facer lexible ao usuario final toda esta información. O apoio do programa Ignicia permitirá converter InVerbis nun recurso estratéxico para a comercialización de servizos baseados nesta tecnoloxía por parte dunha futura spin-off.
Apoio da AVTE Para presentarse a esta convocatoria os grupos de investigación contaron co apoio da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE). Este servizo da USC, encargado da xestión do proceso de transferencia de resultados de investigación, participou ademais en reunións con GAIN para traballar nos proxectos que superaron con éxito a primeira fase da convocatoria, asesorándoos nos pasos necesarios para alcanzar a comercialización dos resultados da forma máis axeitada.