Os tres proxectos premiados no Hackathon USC Emprende terán formación para crear negocios viables
A primeira edición do Hackathon USC Emprende remata, a dicir da organización, cun balance moi positivo de creatividade e ideas, con case medio cento de participantes que traballaron en dinámicas colaborativas e desenvolveron seis proxectos co denominador común de buscar solucións para un futuro máis sostible e de maior benestar, coa mentoría de diferentes profesionais.
O xurado, composto polo director da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC (AVTE), José Luis Villaverde; a profesora do Departamento de Economía Financeira e directora da Rede de Investigación sobre Emprendemento GEM Galicia, Loreto Fernández, e o director de Investimentos de Unirisco, Pablo Mosquera, decidiu outorgarlle o primeiro premio ao proxecto LegaSí, enfocado a asegurar o relevo xeracional nas empresas familiares e a preservar o seu legado empresarial e de coñecemento. O proxecto foi desenvolvido por Ledys Daniela Patrón de la Cruz, Javier Villar Magán, Emilia Varela Miguel e Marco Antonio Bravo Fabián.
O segundo premio foi para Cubo, pensado como solución para favorecer experiencias presenciais organizadas por grupos de persoas con afinidades e expectativas afíns, como contrapunto ao excesivo consumo de realidade virtual, contribuíndo así a mellorar o benestar emocional e a saúde física e mental. Foi desenvolvido por Adriano Gianni, Álex Alcalá e José Manuel Ramírez.
E o terceiro premio foi para Rural Retreat, unha plataforma de realidade virtual para favorecer o coñecemento inmersivo da contorna rural e poder así superar o actual despoboamento rural; o proxecto foi desenvolvido por Héctor Bouzas, Santi Albarrán, Álvaro Barreiro e Roi Ferreiro.
Programa Explorer
Os tres proxectos premiados xa pasan directamente a formar parte da vindeira edición do programa Explorer, que terá lugar de xaneiro a maio de 2025, unha iniciativa da AVTE que ofrece formación para transformar proxectos emprendedores en negocios viables.
O Hackathon USC Emprende contou coa asistencia do delegado do reitor para a Transferencia do Coñecemento, Luis Otero, que quixo motivar e animar os seis equipos participantes durante as dinámicas de traballo colaborativo. Amais, os equipos contaron coa mentoría, orientación e apoio de distintos profesionais e con sesións de formación e obradoiros -impresión 3D, intelixencia artificial, cortado láser e márketing dixital- como unha oportunidade para adquirir novos coñecementos e poder aplicalos nos diferentes proxectos desenvolvidos en equipo.