Ir o contido principal

Un proxecto de aprendizaxe-servizo afonda no potencial da artesanía na inclusión sociolaboral das persoas con diversidade funcional

Público visitando os espazos expositivos en Fonseca. FOTO: Santi Alvite
Público visitando os espazos expositivos en Fonseca. FOTO: Santi Alvite
O Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC (SEPIU) e o proxecto 'Hermés' colaboran con Artesanía de Galicia na xornada ‘Educación, Artesanía e Inclusión: novos desafíos para vellas demandas’
Santiago de Compostela

Mostrar a potencialidade que ten a artesanía no proceso de inclusión sociolaboral de persoas con diversidade funcional ou en situación de vulnerabilidade social é a meta que persegue a xornada ‘Educación, Artesanía e Inclusión: novos desafíos para vellas demandas’ que se desenvolve este venres 28 no Colexio de Fonseca. Paralelamente, o foro acolle, no claustro deste centro da USC, unha feira onde se expoñen os produtos que elaboran, en diferentes asociacións, “a fin de  evidenciar as oportunidades que ofrece este eido de traballo”, explican dende a organización do evento.

O acto inaugural contou coa presenza da vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias Fernández; da decana da Facultade de Ciencias da Educación, Mar Lorenzo Moledo; da coordinadora do proxecto ‘Hermés’, Iris Estévez Blanco; do subdirector xeral de Aprendizaxe Permanente, Ensinanzas Artísticas, Idiomas e Deportivas da Xunta de Galicia, Xosé Mª López Carretero; e da xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro Castro.

A sesión abriuse co relatorio ‘Artesanía, formación e inclusión: O caso de Andalucía’, a cargo de Antonio Suárez Martín, director do Centro de Referencia Nacional de Artesanía,  Centro Albayzín. A continuación, desenvolveuse, baixo a coordinación do profesor Alexandre Sotelino, a mesa redonda ‘A artesanía como piar de inclusión: do papel á práctica de entidades’ coa intervención de representantes de Artefíos (A Coruña), A Casa Rodante (Vigo) e CEE López Navalón (Santiago de Compostela). As conclusións da xornada corren a cargo de Javier Agrafojo Fernández, Iris Estévez Blanco e Alexandre Sotelino Losada, pertencentes ao grupo de investigación Esculca.

O Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC (SEPIU) e o Proxecto de Aprendizaxe-Servizo (ApS) 'Hermés' da USC colaboran con Artesanía de Galicia nunha iniciativa que busca poñer en valor as prácticas educativas desenvolvidas dende centros de educación especial. A xornada é o colofón deste proxecto coordinado pola profesora Iris Estévez Blanco, no marco da materia ‘Diversidade e Escola Inclusiva’ do grao en Mestre/a de Educación Primaria e dobre grao en Mestre/a de Educación Infantil e Primaria. De feito, no marco da xornada preséntanse os traballos elaborados polo alumnado derivados deste proxecto de ApS, así como produtos creados por estudantado de FP de diferentes programas formativos do CEE Manuel López Navalón, xunto cunha mostra das entidades que traballan para a venda de produtos artesáns realizados por persoas con diversidade funcional.

De esquerda a dereita, Iris Estévez, Pilar Murias, Mar Lorenzo, Xosé Mª López, Elena Fabeiro e Alexandre Sotelino. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Iris Estévez, Pilar Murias, Mar Lorenzo, Xosé Mª López, Elena Fabeiro e Alexandre Sotelino. FOTO: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.04.2023.