A profesora de Ciencias da Educación Montserrat Pena Presas, nova académica correspondente da RAG
Montserrat Pena Presas, profesora na Facultade de Ciencias da Educación e especialista en literatura infantil e xuvenil contemporánea, foi elixida este xoves 29 académica correspondente da Real Academia Galega (RAG). Pena Presas (Sada, 1981) é profesora de Didáctica da Lingua e da Literatura na USC, onde se doutorou en Filoloxía cunha tese sobre feminismo, xénero e coeducación na literatura infantil e xuvenil (LIX). A RAG tamén designou académico correspondente ao que fora docente da USC, Bieito Silva Valdivia.
A LIX actual, a educación literaria e os estudos de xénero seguen a ser tres eixos centrais do labor académico e divulgativo da profesora Pena Presas. Así, publicou máis de medio cento de artigos científicos e capítulos de libros sobre diversos aspectos da historia da literatura galega e sobre a obra de autores e autoras como Agustín Fernández Paz, Ledicia Costas, Manuel María, Carlos Casares ou Xohana Torres, e mais contribucións sobre a educación literaria nas que analizou aspectos implicados no desafío de gañar público lector.
Pola súa parte, Bieito Silva Valdivia (Bubaces, Lobios, 1951) é especialista en didáctica da lingua galega, en formación do profesorado e en planificación lingüística escolar. Doutor en Filosofía e Letras cunha tese sobre as interferencias lingüísticas entre o galego e o castelán no alumnado de secundaria, foi catedrático de secundaria e profesor asociado da Universidade de Santiago de Compostela, á que se incorporou en 2010 como titular de Didáctica da Lingua e da Literatura e mais das Ciencias Sociais na Facultade de Ciencias da Educación. Foi coordinador do Instituto de Ciencias da Educación da USC (1987-2010) e do mestrado de profesorado de secundaria da mesma institución (2011-2014), e tamén exerceu como vicedecano da súa facultade, entre outros cargos.