Ir o contido principal

O profesor Jorge Mira, premiado na XVIII edición de Ciencia en Acción

O profesor Jorge Mira, premiado na XVIII edición de Ciencia en Acción
O profesor Jorge Mira, premiado na XVIII edición de Ciencia en Acción
Recoñecen tamén un traballo do profesor José Edelstein

Os premios de comunicación, ensino e divulgación ‘Ciencia en Acción’ volven recoñecer, unha vez máis, o traballo do profesor da USC Jorge Mira. Nesta ocasión, na súa XVIII edición concedeulle ex aequo o primeiro premio na categoría de materiais didácticos de ciencias en soporte non interactivo polo seu libro A que altura está o ceo? (Alvarellos editora), que escribiu en colaboración con María Canosa e contou con ilustracións de Dani Padrón.

O xurado valorou o esforzo do catedrático de Electromagnestismo da USC por “narrar a historia da loita do ser humano por entender as dimensións do universo” a través de 130 páxinas de material educativo, “ben ilustrado e moi interesante”. Entre os argumentos para a concesión do galardón, Ciencia en Acción fai notar tamén que o volume deu lugar a unha das actividades do proxecto eduMOTIVAcon da Xunta de Galicia en colexios e institutos galegos, sendo programado como libro de apoio en moitos deles.

Nesta mesma edición, Jorge Mira acadou tamén unha mención de honra na categoría de divulgación científica en prensa, radio e televisión pola súa colaboración no programa Longitud de onda, de Radio Clásica - Radio Nacional de España.

Así mesmo, o tamén profesor da Facultade de Física da USC José Edelstein conseguiu nesta edición, xunto con Andrés Gomberoff, outra mención de honra na categoría de divulgación científica en libros, revistas e redes sociais polo artigo ‘Tuertos por opción’ da revista Qué pasa. Para o xurado, “defende certeiramente unha visión holística do coñecemento no que as ciencias, a arte e as humanidades fomentan a creatividade e a imaxinación cando actúan en conxunto”.

Premios anteriores
Jorge Mira gañara xa este premio nos anos 2000 e 2005 por traballos en televisión, sendo finalista ou mención de honra noutras cinco ocasións. Ademais, en 2010 Ciencia en Acción concedeulle a Medalla de Honra polo conxunto da súa traxectoria.

Promoven esta iniciativa o Consello Superior de Investigacións Científicas, a Real Sociedade Española de Física, a Sociedade Xeolóxica de España, a Universidade Nacional de Educación a Distancia, a Fundación Lilly, a Fundación Privada Cellex, o Instituto de Ciencias Matemáticas, a Real Sociedade Española de Química, a Sociedade Española de Astronomía e a Sociedade Española de Bioquímica e Bioloxía Molecular.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.07.2017.