Ir o contido principal

O profesor Jorge Mira forma parte do grupo de persoas expertas para o estudo da reforma da hora oficial

O profesor Jorge Mira forma parte do grupo de persoas expertas para o estudo da reforma da hora oficial
O profesor Jorge Mira forma parte do grupo de persoas expertas para o estudo da reforma da hora oficial

O catedrático de Electromagnetismo da USC Jorge Mira é unha das 13 persoas que conforman a Comisión para o estudo da reforma da hora oficial constituída polo Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade.

Este grupo de persoas expertas deberán avaliar as disposicións reguladoras do cambio horario así como a conveniencia de manter en España a hora de Europa central. O obxecto desta comisión é presentar propostas orientadas á protección e mellora da saúde, especialmente dos grupos de poboación máis vulnerables, así como potenciar a sostibilidade social, ambiental e económica.

Ademais do profesor Mira, o grupo de traballo está composto pola catedrática de Socioloxía María Ángeles Durán; a catedrática de Socioloxía da Universidad Carlos III Melida Constanza Tobio Soler; a catedrática de Filosofía do Dereito Ana María Rubio Castro; o enxeñeiro Aitor Domínguez Martínez; a profesora do Departamento de Fisioloxía da Universidade de Murcia María de los Ángeles Rol de Lamas; o director do Observatorio Nacional de Seguridade Vial, Álvaro Gómez Méndez; a doutora en Ciencias Políticas e Socioloxía e socia fundadora de CIMOP, Cristina Santamarina Vaccari; o presidente da Comisión Nacional para a Racionalización dos Horarios Españois, José Luis Casero; a profesora de Economía Aplicada da Universidade Complutense Paloma de Villota Gil Escoín; a catedrática de Produción Agraria da UPM María Inés Mínguez Tudela; a enfermeira Teresa Moreno Casbas, e a profesora da Universidade de Estremadura Beatriz Muñoz González.

Todas estas persoas avaliarán, da forma máis ampla posible, os custes e beneficios de cada medida proposta. En canto aos custes, teranse en conta particularmente os que incidan na eficiencia enerxética e económica das distintas actividades produtivas. No referido aos beneficios, valoraranse especialmente os posibles impactos positivos sobre a saúde das persoas e sobre a igualdade entre mulleres e homes.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.10.2018.