O prazo de inscrición nos máster oficiais da USC remata o 10 de setembro
O prazo de inscrición nos másters oficiais que a USC oferta este curso académico remata o vindeiro xoves 10, data a partir da cal comezarán a moverse as listaxes para permitir a matrícula naqueles posgraos que aínda ofrezan prazas. Para o presente curso a oferta ascende a sesenta e tres máster oficiais, cos que a USC afianza o seu compromiso co Espazo Europeo de Educación Superior.
Dos ofertados 36 contan con límite de prazas e criterios xerais de selección, 16 con límite e criterios específicos e os 10 restantes sen límite. Pero non só o número dá conta da ampla oferta da USC, tamén o demostra o carácter multidisciplinar das temáticas, que abarcan a partes iguais as cinco grandes áreas de coñecemento. Así, 15 máster son de Ciencias, 12 de Ciencias da saúde, 18 de Ciencias Xurídico-Sociais, 7 de Enxeñarías e Arquitectura e 10 de Artes e Humanidades.
O incremento dos 27 máster do curso pasado aos 63 deste débese, como explicou o vicerreitor Máximo Pló, á obrigatoriedade de ofrecer xa o doutoramento en forma de máster con carácter investigador.
Oferta numerosaNa área de Ciencias ofértanse os Máster en Enxeñaría Matemática; Química Orgánica; Química Avanzada; Química Teórica e Modelización Computacional; Fotónica e Tecnoloxía do Láser; Enerxías Renovables e Sustentabilidade Enerxética; Técnicas Estatísticas; Ciencia e Tecnoloxía de Materiais; Medio Ambiente e Recursos Naturais; Acuicultura; Biodiversidade e Conservación do Medio Natural; Biotecnoloxía; Física Nuclear e de Partículas e as súas Aplicacións Tecnolóxicas e Médicas; Matemáticas; e Innovación en Seguridade e Tecnoloxía Alimentarias.
Os máster de Ciencias da Saúde son os de Xerontoloxía; Prevención de Riscos Laborais e Saúde Medioambiental; Investigación Biomédica; Investigación Básica e Aplicada en Ciencias Veterinarias; Investigación en Psicoloxía Clínica e Psicobioloxía; Psicoxerontoloxía; Atención Sanitaria, Xestión e Coidados; Condicionantes Xenéticos, Nutricionais e Ambientais do Crecemento e do Desenvolvemento; Investigación e Desenvolvemento de Medicamentos; Investigación en Medicina e Sanidade Veterinaria; Neurociencia; e Investigación en Ciencias da Visión.
Nas Ciencias Xurídico-Sociais ofértanse máster en Dirección e Planificación do Turismo; Educación, Xénero e Igualdade; Desenvolvemento Rexional e Integración Económica; Xestión e Dirección Laboral; Dereito Privado; Desenvolvemento Económico e Innovación; Dirección de Empresas (Lugo e Santiago); Estudos Internacionais; Fiscalidade Internacional e Comunitaria; Comunicación e Industrias Creativas; Dereito das Administracións e Institucións Públicas; Investigación en Didáctica das Ciencias Experimentais e da Matemática; Investigación en Economía Aplicada; Investigación en Educación, Diversidade Cultural e Desenvolvemento Comunitario; e Procesos de Formación; Economía: Organización Industrial e Mercados Financeiros.
No que respecta ás enxeñarías e arquitecturas a oferta contempla máster en Investigación en Tecnoloxías da Información; Enxeñaría Ambiental; Industria e Economía Leiteira; Dirección de Proxectos; Enxeñaría para o Desenvolvemento Rural; Enxeñaría de Procesos Químicos e Ambientais; e Investigación Agraria e Forestal.
Por último, nas Artes e Humanidades figuran máster en Historia Contemporánea; Servizos Culturais; Edición; Estudos Ingleses: Tendencias Actuais e Aplicacións; Estudos Medievais Europeos: Imaxes, Textos e Contextos; Estudos Lingüísticos; Filosofía: Cuestións Actuais; Lingüística Galega; Lóxica e Filosofía da Ciencia; Estudos Teóricos e Comparados da Literatura e da Cultura; e Erasmus Mundus: Crossways In European Humanities.
Profesorado secundariaA maiores dos citados existe tamén o máster oficial en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensino de Idiomas (título universitario oficial que habilita para o exercicio das profesións de profesor de ESO e Bacharelato, Formación Profesional e Ensino de Idiomas) abrirá a preinscrición o 14 de setembro. As clases comezarán o 11 de xaneiro de 2010.