Ir o contido principal

O orzamento da USC ascenderá a 314 millóns de euros para o ano 2024

O Consello de Goberno da USC aprobou os orzamentos de 2024. FOTO: Santi Alvite
O Consello de Goberno da USC aprobou os orzamentos de 2024. FOTO: Santi Alvite
. O último Consello de Goberno do ano aprobou tamén a creación de dous novos Institutos de Investigación, un na área das Humanidades e outro en Psicoloxía
. Tendo en conta os entes instrumentais en base aos que a USC desenvolve a súa actividade, os recursos económicos da institución ascenderán a algo máis de 336 millóns de euros
Lugo, Santiago de Compostela

O orzamento da USC para o vindeiro ano ascende a 314,43 millóns de euros cun incremento con respecto ao presente exercicio do 9,22%. As contas aprobadas este mércores no Consello de Goberno da USC parten das liñas xerais aprobadas previamente no Claustro a finais do pasado mes de novembro co lema ‘Cumprindo compromisos, pensando no futuro’ e desenvolveranse en base a “unha estratexia integral que conecte as partes co todo”. Neste senso, tendo en conta os recursos propios, así como os xestionados pola USC a través dos seus entes instrumentais e adscritos, como é o caso da Fundación USC, a Fundación Rof Codina, a o CISUG, o CITMaga, Cursos Internacionais e a Fundación Dieta Atlántica o orzamento total da USC ascenderá a algo máis de 336 millóns de euros.

A pesar do “elevado grao de incerteza ao que está sometida á realidade universitaria”, as contas da Universidade baséanse na estabilidade que outorga o Plan Galego de Financiamento Universitario 2022-2026. Non obstante, o documento aprobado vincula a consecución dos obxectivos da institución e a estabilidade necesaria para acometelos á “prudencia, o rigor, o control nas actuacións e a transparencia” como principios reitores das políticas desenvolvidas pola Universidade compostelá. “Temos unha función social que cumprir e a obriga de facelo dende o principio de boa administración” sinalan os orzamentos hoxe presentados no órgano colexiado.

Deste xeito, entre os obxectivos formulados pola proposta de liñas xerais atópase a vontade de crear unha USC máis sustentable, sostible e eficiente; con maior proxección social e inserción no tecido social e mesmo na contorna urbana; unha USC “que se proxecta no mundo, con seguridade, con orgullo e con moito potencial”; que sexa un exemplo de boa administración, “cun liderado no ámbito administrativo máis eficiente e eficaz”, con vocación de servizo público; e que forme “persoas con valores, importante para o desenvolvemento da nosa sociedade”, entre os que terán un papel destacado a igualdade, a saúde integral e a atención ás consecuencias do cambio climático.

Novos institutos

A USC incorporará dous novos institutos universitarios logo da aprobación do de Humanidades e do de Psicoloxía nesta reunión do Consello de Goberno. No caso do Instituto de Humanidades (iHUS) constitúese como unha “contorna de excelencia para a investigación interdisciplinar no eido das Humanidades nucleado ao redor dunha axenda científica estratéxica compartida que formula os obxectivos do centro potenciando novas formas de abordar os retos da nosa sociedade”.

Na súa definición, o novo instituto preséntase como un “espazo atractivo e creativo para o desenvolvemento da carreira científica en Humanidades, con capacidade e compromiso para a atracción, formación e retención de talento”. Ademais reivindica o seu papel en calidade de “socio estratéxico da administración e os actores sociais para abordar conxuntamente os retos da sociedade actual”.

Polo que respecta ao Instituto de Investigación en Psicoloxía (IPsiUS), a súa finalidade será “desenvolver investigación básica e aplicada para coñecer, explicar e predicir os procesos cognitivos, afectivos e sociais que sustenta o comportamento humano, así como proporcionar solucións con base científica para mellorar a saúde e o benestar das persoas e, por extensión, das comunidades”.

A visión do IPsiUS é “chegar a ser un centro recoñecido entre a comunidade científica pola singularidade, calidade e impacto das súas investigacións no campo da Psicoloxía, creando as condicións necesarias para optar á acreditación como centro de investigación de excelencia da rede CIGUS”. Ademais, na contorna no Sistema Galego de I+D+i aspira a ser un axente clave, con potencial para asumir un papel tractor na definición de políticas e servizos de innovación social nos campos da saúde mental e do benestar das persoas e as comunidades.

Na xuntanza aprobouse igualmente o calendario de Planificación Académica Anual para o curso 2024/2025 e a creación da Sección Deportiva da USC, xunto co seu regulamento de funcionamento. Deste xeito, o Club USC transformarase na nosa Sección Deportiva USC co obxecto de organizar e regular a participación da Universidade de Santiago en competicións e eventos deportivos no eido federado de conformidade co Lei do Deporte de Galicia.

Outros asuntos

Outros asuntos incluídos na orde do día deste mércores foron a reposición de prazas vacantes de profesorado contratado, unha proposta de recoñecemento da actividade investigadora, propostas de modificacións non substanciais de memorias de grao e mestrado así como un calendario extraordinario para a tramitación de modificacións substanciais de titulacións. Tamén se aprobaron a modificación dos Regulamentos de indemnizacións pola prestación de servizos da USC e do de Estudos Propios.

Completan a orde do día da xuntanza, diversas propostas de estudos propios así como de memorias destes estudos, a oferta de prazas para a convocatoria anticipada do curso 24/25 do mestrado universitario en Xestión Sostible da Auga, así como o cambio de centro de impartición na UVigo para o mestrado universitario conxunto en Biofabricación. Ademais aprobáronse propostas de transferencia de resultados de investigación e o regulamento do TFM do mestrado en Ciencia e Tecnoloxías de Información Cuántica.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.02.2024.