Ir o contido principal

A oferta de mestrado da USC chega a alumnado de 23 países a través dunhas xornadas en liña

Na parte final do seminario as integrantes do Centro de Benvida Internacional resolveron todas as dúbidas sobre o acceso aos programas, trámites administrativos na USC. FOTO: Santi Alvite
Na parte final do seminario as integrantes do Centro de Benvida Internacional resolveron todas as dúbidas sobre o acceso aos programas, trámites administrativos na USC. FOTO: Santi Alvite
Preto de 300 alumnos e alumnas iberoamericanas participaron nestas sesións informativas impulsadas dende a Oficina de Captación Internacional
Lugo, Santiago de Compostela

A Oficina de Captación Internacional, adscrita á Vicerreitoría de Titulacións e Internacionalización, celebrou os días 25 e 26 de xaneiro unhas xornadas de portas abertas en liña para presentar a oferta académica de mestrado da USC ao mercado iberoamericano coa participación de preto de 300 estudantes internacionais. O alumnado procedía de 23 países, principalmente de Colombia, México e Perú.

“Dende a Oficina de Captación Internacional estamos combinando iniciativas presenciais e virtuais. As circunstancias pandémicas promoveron a creación, deseño e implementación destes novos formatos en liña para dar a coñecer a oferta académica da USC no estranxeiro que estamos a acometer con moi boa acollida”, salientou a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso. “A experiencia piloto dun evento destas características celebrouse no ano 2021, cunha xornada para promocionar a oferta académica de doutoramento e esta xa é a segunda edición desta feira virtual de promoción de mestrados que organizamos”, engadiu.

Presentación por áreas de coñecemento

O obxectivo primordial deste evento era facilitar información sobre os diferentes mestrados ofertados nas áreas de coñecemento de Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas, Ciencias da Saúde, Ciencias e Enxeñaría e Arquitectura. Nesta iniciativa participaron 55 coordinadores e coordinadoras dos programas para presentar a oferta e centrarse noutros aspectos como os medios académicos e científicos ou duración dos estudos.

Na parte final do seminario as integrantes do Centro de Benvida Internacional resolveron todas as dúbidas sobre o acceso aos programas, trámites administrativos na USC, así coma cuestións relativas á súa estadía. A USC conta na actualidade cun total de 69 programas de mestrado oficiais agrupados en cinco áreas de coñecemento nos que están matriculados no presente curso académico 1.201 alumnos e alumnas, dos que 306 son internacionais.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.02.2023.