Ir o contido principal

Nomes e Voces, Premio da Crítica de Galicia en Investigación en Ciencias Sociais e Humanidades

O proxecto recolle unha base de datos das vítimas
O proxecto recolle unha base de datos das vítimas
Por ser un estudo da represión en Galicia da guerra civil e o franquismo que recompila unha copiosa información e ofrece abundantes datos relativos as vítimas

O Proxecto de Investigación Interuniversitario Nomes e Voces foi galardoado co premio da Crítica 2024 na categoría de Investigación en Ciencias Sociais e Humanidades por ser un estudo da represión en Galicia da guerra civil e o franquismo que recompila “unha copiosa información e ofrece abundantes datos relativos as vítimas” cunha vertente de investigación, divulgación e transferencia á sociedade “e que ten un acceso libre e gratuíto á obra”.

Na concesión desta distinción, o xurado valorou ademais que o proxecto “de longa traxectoria” conta coa participación das tres universidades públicas galegas así como de numerosos colectivos e persoas a nivel particular.

O xurado da 48 edición dos Premios da Crítica de Galicia nesta modalidade estivo formado por Miguel Anxo Bastos Boubeta, profesor de Ciencias Políticas da USC; Carlos Callón, profesor e escritor, gañador de 2023; Ofelia Rey Castelao, catedrática de Historia Moderna da USC; Coral del Río Otero, catedrática de Economía Aplicada da UVigo; Jesús Salgado Velo, catedrático de Psicoloxía do Traballo e Recursos Humanos da USC; María Dolores Sánchez Palomino, membro da RAG e catedrática de Filoloxía da UDC, e Inma Valeije Álvarez, profesora de Dereito Penal da USC.

Xunto con Nomesevoces foron finalistas nesta categoría o volume de Edicións USC Mulleres medievais: textos e imaxes na lírica galego-portuguesa, coordinado por Esther Corral Díaz e Yara Frateschi Vieira, e o libro do investigador do grupo Miguel Cabo Villaverde, Ese vento que vai sobor da terra. A vida desmedida de Basilio Álvarez.

O proxecto
‘Nomes e Voces’ naceu ao abeiro dos traballos que  se realizaron ao redor do Ano da Memoria 2006, promovido pola Consellaría de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia. Ao proxecto encomendóuselle a tarefa de estudar a violencia golpista durante a Guerra e posguerra, así como ofrecer á sociedade os datos relativos ás persoas que sufriron algún tipo de persecución neste período. Esta tarefa abordouse desde a perspectiva da investigación histórica, como parte dun crecente interese da sociedade polo estudo da violencia franquista e as consecuencias desta.

O proxecto foi executado por un grupo de investigación formado por especialistas na “violencia do 36” en Galicia, coordinados polo catedrático de Historia Contemporánea Lourenzo Fernández Prieto: Emilio F. Grandío Seoane, Mª Jesús Souto Blanco, Julio Prada Rodríguez, Xosé Manoel Núñez Seixas e os investigadores Dionisio Pereira, Xurxo Pantaleón, Andrés Domínguez Almansa, Antonio Miguez Macho, Antonio Somoza, Mónica Rocha, Gustavo Hervella, Eva Vieites e Natalia Novoa Dominguez.

O proxecto actuou principalmente en tres liñas, como son a constitución dun fondo de gravacións sobre a memoria oral da guerra, a elaboración dunha relación nominal das vítimas e a determinación dunha cartografía da "represión".
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.10.2024.