Ir o contido principal

Este portal emprega cookies propias ou de terceiros con fins analíticos, así como ligazóns a portais de terceiros para poder compartir contido nas redes sociais. Pode obter máis información na política de cookies.

O Nobel de Medicina Harold Varmus diserta este xoves en Santiago sobre a importancia da ciencia

O presidente do Memorial Sloan-Kettering Cancer Center de Nova York reúnese este venres con investigadores galegos

O Premio Nobel de Medicina de 1989, Harold Varmus (Nova York, 1939), imparte esta noite en Santiago a conferencia ‘Por que é importante a ciencia?’, unha actividade enmarcada no Programa ConCiencia da USC, o Consorcio de Santiago e a Fundación Caixa Galicia. O relatorio, aberto ao público en xeral, terá lugar ás 20:00 horas no Centro sociocultural da Fundación Caixa Galicia en Santiago (Carreira do Conde, 18).
Xa na mañá deste venres 23, Varmus manterá ás 12:30 horas unha reunión con investigadores galegos no Centro de Estudos Avanzados da USC (Parque de Vista Alegre) cos que, tras unha pequena intervención introdutoria, intercambiará pareceres en torno á investigación oncolóxica.
O hoxe presidente do Memorial Sloan-Kettering Cancer Center de Nova York – o centro máis importante do mundo na loita contra o cancro- foi o descubridor da orixe celular dos oncoxenes (xenes capaces de inducir transformación tumoral), demostrando que estes xa están nas células e non son introducidos por virus.
Intensa traxectoria académicaTras realizar un máster en Lingua Inglesa na Universidade de Harvard, Varmus graduouse en Medicina na Universidade de Columbia (Nova York). Antes de regresar como residente ao Columbia-Presbyterian Medical Center traballou un tempo nun hospital de India. Os seus comezos na investigación transcorreron no laboratorio de Dr. Ira Pastan no Instituto Nacional da Saúde de EEUU (NIH), onde estudou a regulación de xenes bacterianos.
Non obstante, gran parte da carreira científica do Premio Nobel desenvolveuse na Universidade de California (San Francisco) de 1970 a 1993, primeiro como investigador posdoutoral no laboratorio de Michael Bishop e posteriormente dirixindo o seu propio grupo.
Os oncoxenesFoi en colaboración con Bishop como demostrou a orixe celular dos oncoxenes virais. Traballando con retrovirus oncoxénicos aviares (virus capaces de inducir cancro en polos), chegaron á conclusión de que os oncoxenes presentes no virus procedían en realidade das células de polo ás que infectaran.
Isto veu a ser a primeira evidencia de que os oncoxenes son xenes celulares normais que funcionan habitualmente controlando a división celular, e que só a súa activación (frecuentemente mediante a súa mutación) os converte en causantes do cancro.
Recoñecemento científicoEste traballo foi recoñecido por múltiples premios científicos, entre eles o Premio Nobel de Fisioloxía ou Medicina concedido a Varmus e Bishop en 1989. A carreira de Varmus continuou de xeito brillante realizando achegas esenciais ao coñecemento do ciclo de replicación dos retrovirus, á función desempeñada por algúns dos oncoxenes celulares e, máis recentemente, ao desenvolvemento de modelos de cancro en ratos modificados xeneticamente.
A súa traxectoria arroxa unha ampla produción como investigador -é autor de catro libros e máis de 300 publicacións en prestixiosas revistas científicas- e foi recoñecida, ademais de co Nobel, con numerosas distincións como ser membro da Academia de Ciencias de EEUU dende 1984; Medalla Nacional de Ciencia en 2001; Premio Vannevar Bush 2001; e Premio Lasker 1982, entre outros.
Á cabeza na loita contra o cancroEn 1993, Varmus foi nomeado director do NIH por Bill Clinton, cargo que mantivo ata 1999. O NIH é a axencia do goberno americano responsable da investigación biomédica e en ciencias da saúde, e financia un terzo da inversión en investigación biomédica en todo o país. Durante o seu mandato, Varmus mellorou as infraestruturas do instituto, ao que dotou con novos centros de investigación, levou consigo a algúns dos mellores científicos do país e contribuíu a duplicar en cinco anos o orzamento da axencia, que é hoxe de 28.000 millóns de dólares.
Xa dende o ano 2000 preside o Memorial Sloan-Kettering Cancer Center de Nova York, a máis antiga e maior institución privada do mundo dedicada á investigación e tratamento do cancro. Este centro comprende un hospital especializado (que recibiu en 2007 a máis de 21.000 pacientes) e un dos máis prestixiosos institutos de investigación de todos os EE.UU., que conta cun cadro de persoal de 9.000 traballadores, entre os que se inclúen figuras mundiais como o científico español e Premio Príncipe de Asturias 2004 Joan Massagué.
Comprometido coa cienciaHarold Varmus non se limitou á súa destacada labor como científico e como xestor no sector público (NIH) e privado (MSKCC). Foi tamén asesor de diversas compañías biotecnolóxicas e farmacéuticas e de numerosas institucións académicas, así como comisionado na OMS entre 2000 e 2002. Participou ademais en iniciativas para promover a ciencia en países en desenvolvemento, como a Fundación Bill and Melinda Gates ou o Global Science Goup.
Na mesma liña, é o principal impulsor da iniciativa de “acceso aberto” (“open access”) para as publicacións científicas, que avoga por devolver aos investigadores o control na difusión dos avances científicos, e non ás editoras comerciais. Hoxe lidera iniciativas para promover un maior peso do coñecemento científico nas decisións gobernamentais fronte a influencias relixiosas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.05.2008.