Nicholas Peppas e Ben Feringa súmanse á galería de doutores honoris causa da USC
Os profesores Nicholas A. Peppas e Bernard L. Feringa forman parte dende hoxe da historia da Universidade de Santiago de Compostela. Ambos os dous foron investidos doutores honoris causa da institución nunha concorrida cerimonia que presidiu o reitor Antonio López no Salón Nobre do Colexio de Fonseca.
No acto de investidura actuaron como madriña de Nicholas Peppas a catedrática María José Alonso Fernández e como padriño de Ben Faringa o tamén catedrático José L. Mascareñas Cid, que coincidiron nas súas laudatios en salientar o seu afán por axudar e alentar o persoal investigador novo e a súa colaboración con numerosas universidades españolas, nomeadamente a de Santiago de Compostela.
Nicholas A. Peppas
O profesor Peppas (Atenas, 1948) está considerado un líder mundial indiscutible en biomedicina e farmacia e máis concretamente nos biomateriais e a nanomedicina, ámbitos aos que ten contribuído dende a súa orixe hai pouco máis de medio século. A súa achega nestas últimas décadas sentou as bases do deseño racional de sistemas de liberación de fármacos, permitindo o desenvolvemento de terapias avanzadas e intelixentes.
Como explicou a profesora María José Alonso na laudatio, Peppas “creou unha serie de modelos teóricos e ecuacións asociadas que permitiron entender como se pode controlar a liberación dun fármaco a partir da súa forma de dosificación para obter o seu máximo beneficio”. Pero ademais destes descubrimentos de carácter fundamental, a carreira do profesor Peppas distínguese polo seu carácter multidisciplinar e o seu impacto traslacional, de maneira que, por exemplo, desenvolveu a tecnoloxía Geomatrix, “un modo inxenioso de liberar fármacos a velocidade controlada durante 24 horas” ou sistemas sensibles á glucosa para o tratamento da diabete. Xa nas últimas décadas contribuíu substancialmente ao desenvolvemento de formas de administración oral de péptidos tales como a insulina (diabete), a calcitonina (osteoporose) e proteínas como o interferón alfa (cancro) e beta (esclerose múltiple).
Neste senso, o profesor Peppas –que advertiu que esta investidura como doutor honoris causa “non é o fin da miña carreira”- mostrou a súa satisfacción por que “a industria médica e farmacéutica use as nosas ideas para produtos médicos importantes”. “Creo –dixo- que a converxencia en ciencias biomédicas, química, bioloxía e enxeñaría nos permitirá comprender como se producen enfermidades e defectos xenéticos e desenvolver novos produtos químicos, biomateriais e medicamentos para tratalas”.
Ben Feringa O catedrático de Química da Universidade de Groningen Ben Feringa (Países Baixos, 1951) e Premio Nobel de Química en 2016 é pioneiro no deseño e síntese de máquinas moleculares. Estas nanomáquinas coñecíanse en sistemas biolóxicos, pero era un verdadeiro reto construílas artificialmente. El demostrou que isto é posible mediante síntese química en disolución.
O traballo do profesor Feringa no desenvolvemento de motores moleculares unidireccionais, que teñen o tamaño dunha millonésima parte dun milímetro, considérase clave para o progreso da nanotecnoloxía molecular. Demostrou que estes motores moleculares poden funcionar mentres están conectados a unha superficie e que o seu movemento pode mesmo desprazar obxectos microscópicos.
Como explicou o profesor Mascareñas na súa laudatio, Feringa é un químico “rompedor e imaxinativo, un líder indiscutible no panorama científico actual, pero ante todo é un apaixonado da investigación e do descubrimento, cunha curiosidade insaciable”. En efecto, no seu discurso o novo honoris fixo un chamamento a “ir máis alá nos nosos horizontes e abandonar a nosa zona de confort se realmente estamos agardando unha sociedade sustentable no futuro”
Para o director do CiQUS, aínda que é difícil predicir as aplicacións concretas do traballo do profesor Feringa, “van permitir que os nosos descendentes poidan gozar de novos avances tecnolóxicos e biomédicos”. Lembraba unha conferencia que o profesor impartiu no CiQUS en 2016 na que presentou uns resultados “espectaculares” no campo da fotofarmacoloxía. En concreto, falou do deseño dun novo tipo de fármacos que se activan coa luz pero que permanecen activos só durante un período de tempo moi curto, co que se evita a xeración de resistencias. “É moi probable que esta tecnoloxía baseada en fotoactivacion temporal abra novas vías para afrontar este desafío”, afirmou.
O profesor Feringa dixo sentirse moi honrado polo outorgamento desta distinción “dunha institución como a Universidade de Santiago, que ten xogado un importante papel na miña carreira científica”.
Máis recursos Pola súa banda, o reitor compostelán salientou os máis altos recoñecementos internacionais recibidos polos novos doutores. “Baste citar o premio Nobel de Feringa ou o recoñecemento de Peppas como un dos cen enxeñeiros químicos da era moderna”. “Son moitos os honores que preceden a estes creadores do saber, e digo creadores consciente de que o saber é unha construción e non un descubrimento, e esa capacidade innovadora e creadora é a que os acredita”.
López pechou o acto poñendo en valor a importancia da investigación e reclamando para ela unha maior atención: “o incremento da demanda de coñecemento das nosas sociedades non se corresponde co investimento que facemos nel”. “Hai que darlle ás Universidades públicas, máximas responsables da educación superior e da investigación no noso país, os recursos que merecen de xeito que as distintas convocatorias cubran todos os custos directa ou indirectamente relacionados coa actividade”, reclamou.
O reitor pechou a sesión. Foto: Santi Alvite Momento no que Nicholas Peppas recolle o seu nomeamento. Foto: Santi Alvite Momento no que Ben Feringa recolle o seu nomeamento. Foto: Santi Alvite A sesión protocolaria desenvolveuse no Salón Nobre do Colexio de Fonseca. Foto: Santi Alvite