‘Músicas a carón da Mosqueira’ e os ‘Encontros de Lúa Chea’ alumean o Outono Cultural no Campus de Lugo
O Outono Cultural da USC trae ao Campus de Lugo música e reflexión arredor de temas de actualidade. Por unha banda, o ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira’, centrado no impulso da nova creación dentro da música clásica, botará andar na Casa do Saber o 21 de outubro, ás 20.30 horas, coa actuación do Dúo Aida Gimeno e Carlos Sanchis (voz e piano). Pola súa parte, o 16 de outubro, será a quenda dos ‘Encontros de Lúa Chea’, organizados pola Comisión de Normalización Lingüística da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC (EPSE), para abordar, nesta ocasión, os retos de futuro arredor da Intelixencia Artificial.
Lúa Chea
Roberto Iglesias Rodríguez, coordinador do grao de Robótica no Campus de Lugo e pertencente ao departamento de Electrónica e Computación da USC, e Juan Antonio Corrales Ramón, docente da USC na mesma titulación, serán os relatores que integren esta nova sesión dos ‘Encontros de Lúa Chea’ que terá lugar na cafetaría da EPSE, a partir das 19.00 horas. “Este é un programa de faladoiros sustentados en datos sobre temas relevantes para a nosa sociedade”, explican dende a organización desta actividade que permite desenvolver unha conversa de xeito ameno e distendido, ao tempo que se profunda en cuestións complexas a partir de voces especialistas. En vindeiras datas, anunciaranse as sesións dos próximos meses.
Mosqueira
O ciclo ‘Músicas a carón da mosqueira’ continuará ao longo do outono. Así, o 18 de novembro será a quenda de Dianto Reed Quintet (quinteto de ventos), mentres que o 2 de decembro haberá ocasión de escoitar o piano de Susana Gómez. En todas as actuacións, a entrada é libre e de balde ata completar a capacidade do espazo.
Lugo Cultural
Tanto o ciclo ‘Músicas a carón da mosqueira’ como os ‘Encontros de Lúa Chea’ desenvólvense ao abeiro do Convenio Lugo Cultural, froito da colaboración entre USC, Vicepresidencia da Deputación de Lugo e Cultura e Turismo do Concello de Lugo.