O Museo de Historia Natural da USC celebra o Día Internacional dos Museos
O Museo de Historia Natural da USC celebra o martes 18 o Día Internacional dos Museos con entrada de balde durante toda a xornada. Ademais, do 18 ao 23 de maio, por mor da imposibilidade de realizar actividades debido ás restricións sanitarias existentes, incorpóranse á exposición temporal pezas dos fondos do Museo que normalmente non están expostas pero que “cremos que terán gran interese por parte do público, tanto polo seu valor científico como histórico”, explican dende a dirección do Museo.
Debuxos e caixas entomolóxicas orixinais de Luis Iglesias; partes da balea azul, un dos animais máis grande que poboou e poboa a Terra, pois pode superar facilmente os 30 metros de lonxitude e as 100 toneladas de peso; esqueletos completos de diferentes animais como poden ser o mono, gorila, ou as serpes; ou un cachorro de león que finou aos oito días nun circo que pasou por Compostela en 1879, serán algunhas das pezas expostas ao longo desa semana.