Ir o contido principal

Unha mostra percorre en Ciencias da Educación a achega da emigración ao desenvolvemento dunha rede escolar galega

A mostra poderá visitarse ata o 29 de febreiro. FOTO: Santi Alvite
A mostra poderá visitarse ata o 29 de febreiro. FOTO: Santi Alvite
A exposición enmárcase nos actos conmemorativos do 50 aniversario dos estudos de Pedagoxía na USC
Santiago de Compostela

Poñer en valor a achega da emigración galega á xeración dunha rede escolar na xeografía galega que paliase as necesidades e carencias que se atopaban na raíz do fenómeno migratorio é o eixo sobre o que se asenta a mostra ‘Luces de Alén Mar. As escolas de americanos en Galicia’ que permanecerá aberta ao público na Facultade de Ciencias da Educación do Campus Sur ata o 29 de febreiro. A exposición atópase promovida polo Consello da Cultura Galega coa colaboración da Secretaría Xeral da Emigración da Xunta de Galicia.

“En 2024, conmemoramos o 50 aniversario da implantación dos estudos de Pedagoxía na Universidade de Santiago de Compostela. Esta efeméride singular merece ser celebrada e serve de ocasión para pór en valor a contribución da pedagoxía á sociedade”, destacou este xoves 8 a decana de Ciencias da Educación, Mar Lorenzo Moledo. A exposición ‘Luces de alén mar’, que condensa a dedicación do profesor Vicente Peña ao papel das emigracións galegas na creación dunha rede escolar en Galicia, recala na Facultade de Ciencias da Educación no marco deste ano de celebración.

“Os nosos emigrados souberon outorgar a importancia debida á educación e contribuír, co froito do seu esforzo, a espallar o coñecemento na terra que deixaran, o que permitiu que as xeracións posteriores gozasen de maiores oportunidades. Con estas ‘Luces de alén mar’ queremos render tributo á emigración galega, gardar a memoria da súa achega á educación e iniciar un ano da formación pedagóxica en Galicia, que agromou na fin da ditadura e empregou o coñecemento para soñar e facer realidade unha educación mellor para unha sociedade democrática”, destacou a decana no acto inaugural no que estivo acompañada pola presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez. A exposición subliña, dunha parte, a dimensión da efeméride do centenario fundacional das Sociedades Galegas de Instrución radicadas en América e, doutra, as súas realizacións académicas nas localidades de procedencia dos e das emigrantes.

O Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega traballa dende os seus inicios, en 1992, na recuperación e posta en valor da memoria e dos legados das persoas emigrantes galegas. Presta atención ás accións solidarias e altruístas daqueles que financiaron, implementaron, custearon e sostiveron as construcións escolares, retribuíndo a Galicia coas remesas facilitadoras da escolarización e da instrución. “Un caso único o de Galicia, por certo, na historia das colectividades de emigrantes”, explican. “Homes e mulleres que en boa medida deixaran Galicia, por necesidade, con poucos ou ningúns estudos, pero estimaron a importancia transformadora da educación. Nas primeiras décadas do século XX, co seu altruísmo mudaron a face educativa de Galicia, ata entón amplamente privada de instrución pública fóra das cidades”, destacou Rosario Álvarez.

A presidenta do CCG lembrou como estas figuras “levaron o ensino gratuíto a ámbitos rurais, o que significou para centenares de familias a primeira ocasión de que os fillos accedesen á instrución básica e crebasen a cadea de analfabetismo. Déronlles a moitas mulleres a primeira oportunidade real de comezar a romper coa marxinalidade dependente en que as colocaba a falta de coñecementos letrados”. A exposición ‘Luces de alén mar’ quere facerlles xustiza “difundido o coñecemento dos logros desta marea humana de benfeitores e benfeitoras, e homenaxealos polo seu proxecto de país e a súa xenerosidade”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.02.2024.