Ir o contido principal

A menor prevalencia de parasitos na avespa velutina que en insectos autóctonos podería explicar o seu grande éxito reprodutivo

Imaxe de arquivo de exemplares de avespa velutina. Foto: Atlantic Positive
Imaxe de arquivo de exemplares de avespa velutina. Foto: Atlantic Positive
A USC lidera unha investigación na que colaboran institucións científicas e asociacións de apicultores de Europa e Corea do Sur

A avespa velutina, tamén coñecida como avespón patiamarelo ou avespón asiático, é unha especie invasora orixinaria do sueste asiático que a comezos dos anos 2000 se introduciu accidentalmente en Corea do Sur e Francia e que na actualidade colonizou moitas zonas de Corea, Xapón e Europa -con gran presenza en Galicia- e mesmo xa se atopou algún exemplar o ano pasado en Xeorxia (EE.UU).

Esta avespa representa unha importante ameaza para as poboacións de insectos, especialmente para as abellas do mel, que constitúen unha gran proporción da súa dieta. A presión de depredación exercida por esta especie provoca cambios nos hábitos de forraxe e ten un grave impacto sobre a polinización e a apicultura, xerando importantes custes económicos a apicultores, produtores agrícolas e administración, así como problemas de seguridade.

Para determinar o alcance desta especie invasora, persoal investigador da USC liderou, en colaboración con institucións científicas e asociacións de apicultores doutras rexións da Europa e Corea do Sur, unha investigación sobre as interaccións da avespa velutina e os parasitos dos lugares que invade. O traballo, que resultou na publicación no Journal of Invertebrate Pathology do artigo ‘Prevalence and population genetic analyses of parasites in invasive Vespa velutina and native Hymenoptera’, foi financiado por Atlantic Positive, do Programa Interreg Espazo Atlántico da UE.

Menor prevalencia de patóxenos na velutina
O traballo pon o foco en como especies invasoras como as velutinas supoñen unha ameaza para o equilibrio ecolóxico dos ecosistemas que invaden ao alterar a dinámica hospedador-patóxeno local. Para investigar estas relacións e as súas posibles consecuencias, compararon a prevalencia e os patróns de diversidade xenética de tres familias de parasitos propios de himenópteros (i.e. Nosematidae, Trypanosomatidae e Lipotrophidae) en exemplares de V. velutina e de diversas especies de avespas e abellóns  autóctonos (gen. Bombus sspp.,Vespa sspp. e Vespula sspp.) das rexións invadidas en Europa e Corea do Sur.

Da análise dos datos, concluíron que a Vespa velutina se expón aos parasitos de insectos propios das rexións que invade, de xeito que non hai diferenzas xenéticas entre os que se atopan na especie invasora e nos himenópteros autóctonos. Tal e como apunta o investigador principal do proxecto, Xulio Maside, a prevalencia dos parasitos na avespa velutina é “significativamente menor” que nos outros insectos autóctonos analizados. “Estes resultados concordan cos esperados segundo a teoría da ‘liberación de parasitos’, que podería explicar o grande éxito reprodutivo da Vespa velutina nas rexións invadidas”, explica. Neste contexto, non se pode descartar a posibilidade de que no futuro a poboación da V. velutina e os parasitos autóctonos acaden un novo equilibrio, moderándose a prolificidade da especie invasora. “Porén, isto sería o obxectivo de novos estudos da evolución a medio prazo das relacións entre a especie invasora e os parasitos autóctonos”, engade.

Por outra banda, do estudo salientan que non se atoparon evidencias de que a invasión da avespa velutina contribuíse a incorporar novas especies de parasitos nos territorios colonizados.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.10.2024.