Ir o contido principal

Este portal emprega cookies propias ou de terceiros con fins analíticos, así como ligazóns a portais de terceiros para poder compartir contido nas redes sociais. Pode obter máis información na política de cookies.

A mellor danza universitaria de Galicia darase cita en abril da man da USC

Momento do ensaio da peza 'Redes'
Momento do ensaio da peza 'Redes'
O 23 Encontro Universitario de Danza (EUD) desenvolverase en Santiago os días 8 e 9 de abril
Santiago de Compostela

A 23 edición do Encontro Universitario de Danza (EUD) xuntará os días 8 e 9 de abril no Teatro Principal os mellores traballos das compañías das tres universidades públicas galegas. Á Compañía de Danza da USC, nada ao abeiro do Espazo de Danza baixo a dirección de Juan Carlos Zahera, únese a Aula de Danza do Campus de Ourense da Universidade de Vigo e a Aula de Danza da Universidade de Coruña. O EUD trasladarase ao Campus de Lugo entre os días 8 e 10 de maio.

O EUD, que organiza a USC dende hai mais de dúas décadas e que se enmarca na Primavera Cultural da USC, é unha das actividades máis destacables e visibles do Espazo de Danza da USC promovidas para favorecer o intercambio cultural a través da danza, ademais de para achegar esta disciplina artística ao resto da sociedade.

Programa en Santiago
Será a Aula de Danza da Universidade de Coruña quen abra o programa de representacións do martes 8 de abril, a partir das 20.30 horas no Teatro Principal compostelán, coa mediación de Javier Martín e a creación colectiva hyphē.

REDes é o titulo da coreografía da Compañía de Danza da USC, dirixida por Juan Carlos Zahera, que nesta ocasión reúne as tres Compañías de Danza da USC (Campus Compostela, Lugo e Sen Vergoña) nunha soa produción, baixo a coreografía de Rosa Acuña, coa que se completa o programa da xornada.

O mércores día 9  presentarase ao público compostelá a Aula de Danza do Campus de Ourense, baixo a dirección de Nuria Sotelo, coa obra titulada Máis tarde, cá cedo e coreografiada por Ainoa Linaza.

De seguido, e rematando o Encontro de Danza da USC, actuará novamente a Compañía de Danza da USC coa coreografía REDes.

A entrada é libre e gratuíta para todas as representacións.

Redes, a peza da USC
Na creación Redes que presenta a USC neste Encontro participan como intérpretes Alexandra  Clista, Adelaida Garcia, Noelia Iglesias, Carmen Soriano, Mario Vazquez, Alicia Collazo, Inés F. Mosquera, Andrea Gil, Alvaro R.Vazquez, Dolores Besteiro, Minda Mendez, Rosa Menéndez, Beatriz Ovalle, Sabela R.  Campo e Victoria Vazquez.

A proxección do audiovisual é de Iria Estevez e a poesía de Sabela Rodriguez. Nesta obra, como na anterior, o vestiario é autoxestionado con tecidos reciclados de redes  cedidas polas Redeiras de Aguiño  (Ribeira), Redeiras de Cangas de Morrazo e Suso Mariñeiro (Cangas do Morrazo). As fotos son de Maribel Pereiro, Fernando Collazo e Ayla Leiva.

Espazo de Danza da USC
O Espazo de Danza da USC foi no deu día unha iniciativa pioneira na Universidade española, concibida como xerme dun laboratorio de danza contemporánea que, dúas décadas despois, presenta no seu currículo a produción de 40 montaxes coreográficas e a realización de máis de 300 actuacións e intervencións, con presenza en máis dun centenar de festivais, seminarios, mostras, exposicións e reunións científicas.

A presenza da danza na USC e a inclusión desta disciplina na grella da oferta cultural e artística da institución académica actúa como un atractivo complemento académico e formativo e é unha eficaz embaixadora da USC como institución aberta e creativa.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.03.2025.