Ir o contido principal

Medalla Ignacio Ribas 2018 para o profesor Diego Peña

Medalla Ignacio Ribas 2018 para o profesor Diego Peña
Medalla Ignacio Ribas 2018 para o profesor Diego Peña

O profesor do Departamento de Química Orgánica da USC Diego Peña Gil acaba de ser recoñecido coa Medalla Ignacio Ribas 2018 que concede cada ano o Grupo Especializado de Química Orgánica (GEQOR) da Real Sociedade Española de Química (RSEQ) a químicos socios que presenten unha traxectoria ascendente nos últimos cinco anos.

“Supón unha gran satisfacción recibir un recoñecemento así”, afirma Peña Gil, que ademais é investigador principal no CiQUS da USC. “Para alguén coma min é unha honra aínda maior por tratarse dun premio asociado á memoria de Don Ignacio Ribas, un dos pioneiros da Química Orgánica en España, que achegou tantas cousas traballando dende esta mesma institución, a USC”.

Diego Peña mostrouse tamén honrado de ser incluído na lista de investigadores premiados. “É un orgullo que os meus colegas me tiveran en conta á hora de incluírme nun grupo tan prestixioso”, asegurou.

A entrega da medalla realizarase no transcurso da XXVII Reunión Bienal do GEQOR, que se celebrará en Santiago de Compostela do 20 ao 22 de xuño de 2018.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.04.2018.