Ir o contido principal

O máster oficial en Desenvolvemento Económico e Innovación ofrecerá o vindeiro curso a súa segunda edición

O máster oficial en Desenvolvemento Económico e Innovación (DEIN) iniciará en 2010-2011 a súa segunda edición. A súa finalidade, proporcionar unha formación avanzada, de carácter especializado e multidisciplinar, no ámbito do desenvolvemento económico e da innovación. Consta de 60 créditos ECTs, ofertando dúas especialidades, unha orientada ao desenvolvemento rexional e local e outra orientada á dirección e xestión da I+D e a innovación en institucións públicas e empresas así como ao deseño e avaliación das políticas públicas neses ámbitos. Trátase dunha titulación que poderá ter continuación no ámbito académico-profesional ou na esfera investigadora, co obxectivo de realizar unha tese de doutoramento e acadar o título de doutor. As principais saídas profesionais son a consultoría especializada en materia de xestión da innovación, e en desenvolvemento rexional e local; a dirección e xestión de departamentos de I+D en empresas; a xestión de políticas e programas de I+D en institucións públicas ou a xestión de proxectos e grupos de investigación en Universidades, centros tecnolóxicos e en empresa. Coordinado polo catedrático de Economía Aplicada e director do grupo de investigación ICEDE Xavier Vence, contará coa participación de profesorado da USC pertencente a diversas áreas (Economía Aplicada, Economía Financeira e Contabilidade, Organización de Empresas e Comercialización, Dereito Mercantil, Enxeñaría Química, Bioquímica e Bioloxía Molecular, …). Tamén impartirán docencia destacados especialistas na materia procedentes das principais universidades galegas, españolas e europeas, así como doutros organismos e institucións. Esta titulación diríxese a un amplo abano de titulacións, entre as que destacan Economía, Administración e Dirección de Empresas, Ciencias Políticas, Socioloxía, Dereito, Enxeñerías ou Ciencias Experimentais. O alumnado que careza de coñecementos previos de Economía e Administración de Empresas, deberán cursar dúas materias de nivelación.

Para acadar máis información sobre este Máster, as persoas interesadas poden obterse a páxina web http://www.usc.es/icede.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.07.2010.