Marcelino Agís Villaverde, novo decano de Filosofía, reivindica a vixencia destes estudos na vida social, cultura e científica
A xestión do profesor Marcelino Agís Villaverde ao fronte da Facultade de Filosofía estará marcada polo interese en traballar para que “a nosa Facultade ocupe un espazo relevante entre os demais centros da USC e no conxunto das Facultades do mapa universitario español e europeo”. Na súa opinión “a filosofía ten que asumir a función que lle corresponde na vida social, cultural e científica. E unha facultade de Filosofía ten que traballar para este ideal, ao que todos podemos contribuír, poida ser realizado dun xeito eficaz”. Así o aseverou este xoves durante o acto protocolario de toma de posesión do centro que presidiu o reitor Antonio López.
Marcelino Agís Villaverde foi elixido decano de Filosofía o pasado mes de outubro e estará acompañado nos labores de goberno pola profesora Mª Luz Pintos Peñaranda como secretaria e por Javier Barcia González como vicedecano. Entre os propósitos da súa xestión para os vindeiros anos o profesor Agís sinalou a súa intención de fortalecer a oferta de prácticas académicas externas para o alumnado do centro, proxecto que implementa unha liña estratéxica deseñada polo anterior equipo decanal que busca “abrir novos horizontes e saídas profesionais ás persoas que se forman na nosa Facultade”. Neste senso anunciou a recente aprobación en Xunta de Facultade da convocatoria de cinco programas de prácticas co Parlamento de Galicia, co Consello da Cultura Galega, co Valedor do Pobo e coas fundacións Penzol e Granell.
Ademais de abordar a renovacións xeracional do persoal docente e investigador do centro, o novo decano reivindicou “unha aposta decidida pola recuperación da Filosofía no ensino non-universitario, nomeadamente no Bacharelato e na ESO”. Na súa opinión “queda un longo camiño por percorrer non só para lograr a recuperación completa das materias filosóficas senón para introducir noutros niveis do ensino materias transversais como a ‘Filosofía para nenos e nenas’ que tan bos resultados ten dado nos centros que a puxeron en marcha con carácter experimental”.
Abrir a filosofía á rúa é tamén un obxectivo estratéxico do actual equipo decanal, apoiando os programas en marcha como a celebración do Día Mundial da Filosofía, convertida nos últimos cursos en Semana da Filosofía na USC. Tamén se procurará o desenvolvemento de sinerxías co profesorado desta área no ámbito do ensino medio. Finalmente fixou igualmente como obxectivo do seu mandato “a internacionalización dos nosos títulos alén das nosas fronteiras enmarcando o labor do centro nunha liña enmarcada na política xeral da USC”. Ao importante volume do alumnado procedente de Xapón e doutras nacionalidade, Marcelino Agís engadiu a súa vontade de incrementar “a presenza de alumnado e PDI de países latinoamericanos, recuperando o espírito das Conferencias de Reitores e responsables de relacións exteriores que se celebrou en 2004 na USC baixo o lema ‘Os camiños da USC en América’.
A Facultade de Filosofía da USC é “un centro singular e estratéxico do Sistema Universitario Galego que imparte ensinanza esenciais para o alumnado da nosa sociedade”. O reitor Antonio López subliñou deste xeito a transcendencia deste centro compostelá que, lembrou, fronte a unha crónica dificultade para a captación de alumnado vén cubrindo nos últimos cursos a súa oferta de prazas, obxectivo que relacionou co bo facer da propia facultade.
Na súa intervención o reitor adiantou que nos vindeiros días comezarán os trámites que dean forma a un novo plan que atenda o proceso de renovación, promoción e estabilización do Persoal Docente e Investigador. O obxectivo será abordar de xeito racional o proceso de xubilación que afectará nos vindeiros catro anos a máis de 200 docentes, creando prazas no inicio da carreira académica a través da figura de profesor/a axudante doutor e achegando as lexítimas posibilidade de promoción para quen conte coas oportunas acreditacións.
O reitor mostrou a súa satisfacción con que para este acto se tivera incluída a presenza simbólica de Concepción Arenal, coa súa imaxe reproducida nun panel que presidiu a sesión, “unha das grandes pioneiras no camiño cara a igualdade” e particularmente no acceso ao ensino universitario. Xunto a outras personalidades como Emilia Pardo Bazán ou Luisa Cuesta (tamén homenaxeada nun acto previo na Biblioteca Concepción Arenal da USC), López deixou constancia tamén de que á USC correspóndelle reivindicar o papel destas mulleres como pioneiras en prol da igualdade dende o eido universitario.
Na mesma sesión, e en representación do equipo saínte, interveu a profesora Nieves Herrero en representación do profesor José Miguel Sagüillo Fernández-Vega, recentemente xubilado, para realizar un relatorio sobre os principais acontecementos do seu período de xestión e dos obxectivos perseguidos durante o tempo ao fronte do decanato.
Marcelino Agís
Marcelino Agís (Raxó –Pontevedra- 1963) é catedrático de Filosofía da USC así como conferenciante convidado en universidades e institucións investigadoras de Alemaña, Portugal, Xapón, Italia, Estados Unidos, México, Brasil ou Chile. Con anterioridade ocupou os cargos de vicerreitor de Terceiro Ciclo e Extensión Docente, conselleiro delegado de Cursos Internacionais da USC, director do Departamento de Filosofía e Antropoloxía Social. Ademais foi asesor de planificación docente, coordinador do Máster de Filosofía e, na actualidade, coordinaba o programa de doutoramento en Filosofía.
É autor ou coautor de preto de trinta libros e de 40 artigos ou capítulos de libros. Ademais de ter dirixido arredor dunha ducia de teses de doutoramento é membro fundador e presidente da Sociedade Interuniversitaria de Filosofía e dos Encontros Internacionais de Filosofía no Camiño de Santiago e dirixiu a Revista Agora. Papeles de Filosofía e da revista Compostela. Ademais, o pasado ano incorporouse como académico correspondente da Academia de Ciencias de Lisboa.
O novo equipo decanal xunto con integrantes do equipo reitoral. Foto: Servimav-USC