O Maratón Fotográfico e os certames de Videocreación e Paisaxe Sonora protagonizan un outono cheo de cultura no Campus de Lugo
O Campus de Lugo acollerá ao longo deste outono unha programación ateigada de cultura grazas a tres das súas iniciativas máis consolidadas: o Maratón Fotográfico e os certames de Videocreación e Paisaxe Sonora. Nos tres casos o prazo de inscrición xa está aberto. As bases poden consultarse na páxina web de Lugo Cultural, froito do convenio asinado por USC, vicepresidencia da Deputación de Lugo e Cultura e Turismo do Concello de Lugo.
Maratón Fotográfico
Ata o 17 de outubro e a través dun formulario en liña, será posible solicitar praza no Maratón Fotográfico, unha iniciativa que chega xa á súa trixésima edición. Un ano máis, poderán participar todas aquelas persoas maiores de 16 anos que o desexen. O certame organízase en dúas modalidades: tema libre ou tema proposto pola organización, o cal se dará a coñecer o día 20 de outubro, ás 9.30 horas, na Casa do Saber. As persoas inscritas que non asistan ao acto tampouco poderán participar na modalidade libre, malia poder consultar, esa mesma mañá, o tema proposto pola organización na páxina de Instagram de Lugo Cultural. As fotografías enviaranse ata o 21 de outubro ás 10.30 horas, por mail ou WeTransfer, a cultura.lugo [at] usc.gal (cultura[dot]lugo[at]usc[dot]gal). Entregarase unha fotografía por cada modalidade, o formato debe ser dixital e poden presentarse en branco e negro ou en cor.
Entregaranse tres galardóns: o Premio Carlos Valcárcel á mellor fotografía do tema proposto pola organización, dotado con 350 euros, trofeo e diploma; o Premio Eduardo Ochoa á mellor fotografía do tema libre, dotado con 300 euros, trofeo e diploma; e o Premio do Público á mellor fotografía de ambos os temas, dotado con 100 euros e diploma. A entrega de galardóns terá lugar o 11 de novembro, nun acto que se desenvolverá na Biblioteca Intercentros do campus lucense, espazo que albergará tamén unha mostra relativa ao Maratón Fotográfico. Ademais, elixiranse doce fotografías que formarán parte do calendario do ano 2025 de Lugo Cultural, que non teñen por que coincidir coas da exposición.
Certame de Videocreación
A sexta edición do Certame de Videocreación mantén aberta a súa inscrición ata o 30 de outubro a través dun formulario en liña. As persoas participantes, tamén maiores de 16 anos, poderán inscribirse de xeito individual ou colectivo. A duración de cada peza audiovisual alcanzará un máximo de 5 minutos, incluíndo a cortina inicial e os créditos. O prazo de envío das pezas esténdese do 5 ao 7 de novembro, ata as 13.00 horas. Poderase enviar unha ligazón a calquera plataforma audiovisual, sempre e cando a peza participante sexa descargable e non estea en aberto, —garantindo que no momento da súa proxección sexa inédita— a través de WeTransfer a cultura.lugo [at] usc.gal (cultura[dot]lugo[at]usc[dot]gal).
O día 29 de novembro, na Casa do Saber, terá lugar a entrega dos tres galardóns que conforman o certame. O Premio á mellor linguaxe visual e mellor comunicación audiovisual Araceli Herrero, está dotado con 300 euros, diploma e obra de Mónica Alonso. Neste caso, valoraranse especialmente os aspectos referentes á imaxe, dende a iluminación ata a dirección artística, así como a edición e posprodución de cada peza. Gañará a proposta que abranga unha mellor relación de todos os aspectos comunicativos e expresivos, empregando conscientemente as diferentes ferramentas que as linguaxes creativas permitan.
O Premio Isidro Novo á mellor linguaxe literaria, dotado con 300 euros, diploma e obra de Mónica Alonso valorará especialmente os aspectos literarios da obra, nomeadamente aqueles referentes ao guión e/ou ao emprego da linguaxe escrita ou oral, no que o galego será preferente. Finalmente o Premio do Público, 100 euros e diploma, outorgarase á videocreación que reciba máis votos o día da entrega de premios, para o cal cada unha das persoas do público terá á súa disposición a papeleta de votación, que se entregará antes do acto. Unha vez comezada a proxección das obras non se entregarán máis papeletas de votación. En caso de empate o premio dividirase en partes iguais.
Paisaxe sonora
Este certame quere alentar e estimular a disciplina da creación de paisaxes sonoras, así como fomentar a educación da escoita e a sensibilización do oído na nosa contorna. Preténdese destacar a importancia dos sons no día a día e a súa capacidade para evocar emocións, contidos culturais e históricos, e a conexión co medio ambiente. Así e de acordo coas bases deste certame que chega xa á súa terceira edición, unha paisaxe sonora está composta por sons de gravacións acústicas da contorna malia que non se descarta incluír, nunha baixa porcentaxe, fontes sonoras de instrumentos electrónicos ou reais. En todo caso, debe predominar o concepto básico de paisaxe sonora. De feito, as obras que sexan maioritariamente feitas con fontes de son electrónicas ou acústicas e na súa medida non representen o que é unha paisaxe sonora, serán excluídas do certame.
Cada paisaxe sonora non deberá ter unha duración superior a 10 minutos nin inferior a 1 minuto. Se supera os 5 minutos deberase achegar, ademais da orixinal, unha versión reducida de 3,5 minutos como máximo, para a escoita do público no certame. De non achegala, só se mostrarán os primeiros 3 minutos e medio da obra. Ata o 31 de outubro, é posible inscribirse a través dun formulario en liña.
A entrega de premios terá lugar o 22 de novembro nun acto que se desenvolverá na Casa do Saber. Entregarase un Premio á mellor paisaxe sonora, dotado con 300 euros, xoia deseñada por Montse Rego e diploma; un Premio á mellor paisaxe feita por estudantado da USC, dotado con 200 euros, xoia deseñada por Montse Rego e diploma; e o Premio do público, 100 euros e diploma. Este último recoñece a paisaxe sonora que reciba máis votos o día da entrega de premios. Para isto, cada persoa asistente ao acto, terá á súa disposición a papeleta de votación que se entregará antes do inicio. Unha vez comezada a escoita das paisaxes, non se entregarán máis papeletas de votación. En caso de empate o premio dividirase en partes iguais. Ademais, as obras premiadas poderán ser difundidas a través das plataformas do certame e expostas en eventos culturais.
Programación completa
O resto da programación cultural que oferta o Campus de Lugo pode consultarse na web do Outono Cultural da Área de Cultura da USC.