Lentes intelixentes e videomodelado para mellorar a formación de profesionais da saúde
Empregar dispositivos como lentes intelixentes para a formación de profesionais da saúde é un dos elementos máis salientables dun proxecto de innovación interdisciplinario no que participa a Universidade de Santiago de Compostela. Esta iniciativa de vangarda pretende deseñar, poñer a proba e expandir o uso das novas tecnoloxías para reforzar as competencias asistenciais de profesionais, estudantes e profesorado do ámbito da saúde. Con dispositivos coma as lentes intelixentes, unha persoa profesional da Enfermaría podería gravar un procedemento de forma que se poida amosar o vídeo nunha aula e debater sobre cal sería o paso seguinte ou analizar se se fixo correctamente.
O equipo da USC está composto por Manuel Gandoy Crego e Raquel Rodríguez González como investigadores principais, xunto a David Facal Mayo, Marcos Pazos Couselo e Alba Elena Martínez Santos, das facultades de Enfermaría e de Psicoloxía. Manuel Gandoy explica que o uso de lentes intelixentes “permitiría aprender o procedemento nun contorno controlado e seguro” e a idea é que participen nas probas do sistema arredor de cen persoas na Facultade de Enfermaría compostelá, que colabora no proxecto co Complexo Hospitalario Universitario de Santiago. Serían “estudantes dos últimos cursos do grao e dos mestrados de Enfermaría e Xerontoloxía” e o uso dos dispositivos comezaría en 2024.
A investigación, denominada ‘Video-modelling approach applied to the initial and continuous profesional development of surgeries teams’ (ClinicalModelling) iniciouse o pasado mes de outubro financiada a través do programa ERASMUS+ e conta cunha duración de dous anos. Ademais de empregar lentes intelixentes (smartglasses) para capturar e analizar imaxes de vídeo nos procesos de ensinanza-aprendizaxe no ámbito da saúde, vanse deseñar e probar novos materiais didácticos no contexto sanitario, para a formación en Enfermaría e cursos de especialización.
O consorcio ClinicalModelling reúne socios de catro países, incluíndo INOVA+, Escola Superior de Saúde Santa Maria e Fundação Santa Maria en Portugal, Hospital Xeral Novo Mesto e Universidade de Liubliana en Eslovenia, Universidade Jagiellonian en Polonia, e a Universidade de Santiago de Compostela e o Servizo Galego de Saúde en España. Calcúlase que nos catro países participantes tomarán parte nas distintas accións do proxecto arredor de oitocentas persoas. A USC terá un papel relevante para sentar as bases deste enfoque docente innovador no contexto da formación en Enfermaría a niveis tanto de pregrao como de profesionais, ademais de analizar a seguridade da metodoloxía dende o punto de vista ético. Co seu enfoque interdisciplinario, traballarase no desenvolvemento de casos, a avaliación de probas, e a promoción da innovación no sector da saúde.