Ir o contido principal

Juan Carlos Unzué abre o ciclo de conversas ‘Educación, ciencia e conciencia [EC2] no diálogo Universidade-Sociedade’

Juan Carlos Unzué, esquerda, con José Antonio Caride. FOTO: Santi Alvite
Juan Carlos Unzué, esquerda, con José Antonio Caride. FOTO: Santi Alvite
O ex futbolista e enfermo de ELA conversará co catedrático Ángel Carracedo nunha xornada que se desenvolverá co lema ‘Por unha vida digna’

Juan Carlos Unzué, ex futbolista, adestrador e enfermo de Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA), protagonizará este martes 19 xunto co catedrático Ángel Carracedo, a primeira das conversas previstas no ciclo ‘Educación, ciencia e conciencia [EC2] no diálogo Universidade-Sociedade’, unha iniciativa promovida polo Grupo de Investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental (SEPA). O catedrático en Pedagoxía Social e coordinador do grupo SEPA, José Antonio Caride, presentou o ciclo xunto con Juan Carlos Unzué nunha rolda de prensa este martes 19, na que o ex futbolista destacou que coa súa presenza na conversa quere reafirmar a reivindicación dunha vida digna para as persoas afectadas de ELA. Asegurou ademais que o camiño cara á solución desta doenza pasa pola investigación.

A motivación do ciclo é, en palabra de José Antonio Caride, “achegar as utopías ás realidades nas que debemos vivir acotío” e, neste contexto, agradeceu a posibilidade de poder contar como primeiro convidado con Juan Carlos Unzué, unha persoa que “amosa día a día todo o que significa poder afrontar cun sorriso e cun modo de ser e estar admirable o que significa a enfermidade”. Este diálogo proposto arredor da ELA, e que se vai desenvolver co lema ‘Por unha vida digna’, pon o foco “nunha enfermidade dura que precisa de coñecemento e de saberes que contribúan a superala, e de todo o que podemos dar, e nós facémolo en nome da educación, a ciencia e as conciencias”.

Na conversa ás 19.30 horas no Auditorio Abanca (rúa do Preguntoiro, 23) con Juan Carlos Unzué participarán o catedrático Ángel Carracedo e a xornalista Eva Millán que intervirá como moderadora. A charla conta coa colaboración da Asociación Galega de Esclerose Lateral Amiotrófica (AGAELA).

Para o evento, ata completar a capacidade do espazo, haberá unha Fila 0 para que os fondos recadados vaian destinados integramente á Asociación de Enfermos/as de ELA-Galicia.

Un ciclo para a formación continua

O grupo SEPA, ante o desafío dunha formación ao longo da vida, proponse a organización e desenvolvemento de diferentes foros de reflexión e debate que -coa denominación xenérica de 'Educación, ciencia e conciencia [EC²] nas relacións Universidade–Sociedade'- incidan na análise crítica das realidades socioambientais; especialmente naquelas que posibiliten sociedades máis xustas, pacíficas, equitativas, inclusivas, democráticas... ecolóxica e humanamente sostibles.

Estas iniciativas asumen o reto de promover, difundir, valorizar, sensibilizar e transferir o coñecemento da Universidade á Sociedade, mediante unha formulación diversificada de actividades e metodoloxías que se celebren na Universidade de Santiago de Compostela -coa implicación de distintas Facultades, principalmente a de Ciencias da Educación, conmemorando os 50 anos da creación dos estudos Universitarios de Pedagoxía en Galicia- e coa colaboración doutras institucións, entidades, organizacións, etc. (sociedades científicas, Redes de Investigación, colexios e asociacións profesionais, colectivos de renovación pedagóxica, entidades do terceiro sector, etc.).

Tras o diálogo entre Ángel Carracedo e Juan Carlos Unzué, o grupo SEPA prevé a realización de novas actividades baixo o lema 'Educación, ciencia e conciencia... en clave de diversidade e a inclusión social'; así mesmo haberá actividades baixo o lema 'Educación, ciencia e conciencia.. en clave de equidade e igualdade de xénero', coa participación de conferenciantes destacadas, visitas guiadas á exposición ‘Educación, Xénero e Lectura’ (organizada polo grupo SEPA-interea e exposta no MUPEGA), roteiros, mesas de experiencias, e a realización dun videofórum.

A actividade principal de 'Educación, ciencia e conciencia... en clave de cidadanía e participación social' será a conferencia de Francesco Tonucci -impulsor da cidade dos nenos, sendo referentes as cidades de Pontevedra e Santiago de Compostela-, aproveitando que recollerá en maio o doutoramento Honoris Causa pola USC. 'Educación, ciencia e conciencia... en clave de educar a tempo ante a emerxencia climática' incluirá charlas-coloquio, mesas de experiencias, ‘petiscos-concertos’, videofórums e representacións teatrais e 'Educación, ciencia e conciencia... en clave de tempos educativos, sociais e de lecer nas cidades que educan', achegará coloquios, experiencias de entidades relativas aos tempos de lecer, así como roteiros guiados.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.03.2024.