Ir o contido principal

O IV Ciclo pecha o presente curso cunha nova promoción de graduados Senior, Superior Senior e Excelsor

O IV Ciclo pechará o curso cun acto académico que se vai celebrar no Paraninfo da Universidade, na Facultade de Xeografía e Historia, este venres 4 a partir das 12:00 horas baixo a presidencia do vicerreitor de Comunidade Universitaria e Compromiso Social, José M. Mayán Santos. Tamén participarán o subdirector xeral de Promoción da Autonomía Persoal da Xunta de Galicia, Modesto Rouco; a madriña da promoción, a profesora de Psicoloxía Clínica e Psicobioloxía Carmen Senra; e o director do IV Ciclo, Maximino Quintáns.
Nesta sesión académica porán o broche a súa etapa formativa os graduados Senior do período 2006-2009, os Superiores Senior da promoción 2005-2010 e os graduados Excelsor do curso 2009-2010.
A quenda de intervencións comezará coa presenza de Mª Isabel Aguilar González, en representación da 9º promoción de graduados Superior Senior, á quen lle seguirá a madriña da promoción e o director do IV Ciclo. O vicerreitor José M. Mayán imporalle deseguido a Insignia do IV Ciclo á madriña da promoción. O acto continuará coa entrega de diplomas aos graduados Senior e aos Excelsor, así como coa imposición de insignias acreditativas aos graduados superiores senior.
IV CicloPosto en marcha no curso 1997-1998, a USC ideou o IV como un programa formativo para persoas maiores de 50 anos con independencia do seu nivel académico e sen necesidade de estudos primarios. Este programa impártese nos dous campus da USC, Lugo e Compostela, estruturado en cinco cursos. Os tres primeiros de carácter xeral e con tres materias en cada un, e os dous últimos cursos de especialización no que o alumno se matricula dunha única materia coa que completa a totalidade dos créditos.
O IV Ciclo da USC ten como obxectivo promover a incorporación de alumnos maiores de 50 anos aos estudos universitarios, favorecendo a súa integración e participación en procesos formativos que respondan ás necesidades e expectativas deste colectivo social. Con este nivel educativo a USC pretende vincular e amplificar a oferta de estudos universitarios, con criterios de interdisciplinariedade e en consonancia cos principios que inspira a educación continuada como experiencia global que se desenvolve ao longo de toda a vida de cada individuos, subliñando o protagonismo das persoas maiores.
Ademais, o programa do IV Ciclo posibilita que as persoas maiores compartan e desenvolvan iniciativas docentes e de extensión cultural propias do contexto social e institucional universitario, adoptando os criterios organizativos, normativos e metodolóxicos que cumpran para alcanzar ese fin. Trátase dun programa universitario de formación que se está a desenvolver na meirande parte das universidades do Estado, así como en moitas outras institucións universitarias do países do noso contorno. Máis información: www.usc.es/ivciclo/.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.06.2010.