Ir o contido principal

Isidro Parga Pondal, un científico comprometido co país

O acto presidiuno o reitor Juan Viaño (Foto: Santi Alvite)
O acto presidiuno o reitor Juan Viaño (Foto: Santi Alvite)
O insigne persoeiro galego foi homenaxeado este xoves na Universidade de Santiago

A figura de Isidro Parga Pondal (Laxe, 1900 – A Coruña, 1986), descoñecida para moitos pero fundamental na historia da ciencia en Galicia e do sector empresarial da minaría na Galicia do XX, volve ser recoñecida na Universidade galega tres décadas despois do seu nomeamento, en 1983, como doutor honoris causa, e case oito da súa expulsión como docente da institución “por esquerdista e galeguista”, como lembra Ricardo Gurriarán nunha biografía presentada recentemente. Numerosas personalidades asistiron este xoves á Universidade compostelá para participar na homenaxe ao insigne científico galego a iniciativa do Foro Enrique Peinador, que lle dedicou o seu Día da Galeguidade Empresarial e que aproveitou o acto para dar a coñecer catro empresas que se comprometen a incorporar a súa actividade á lingua galega. Este foro ten como un dos seus cometidos fomentar a normalización e o uso do galego no eido empresarial, de maneira que nesta ocasión manifestaron adherirse a este propósito Ángel Concheiro Coello, da Asociación Galega de empresas de restauración; Rafael Cuiña Aparicio, do Grupo Aurela; Yolanda Vaamonde, de Caixa Rural Galega; e José Felicísimo Pereira, adegueiro do Ribeiro que cambiará de lingua nas etiquetas da súa adega. O acto central, precedido da descuberta dun busto obra de José Molares, tivo lugar na Facultade de Química e nel interviñeron o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez; os reitores de Santiago e A Coruña, Juan Viaño e Xosé Luís Armesto; o fiscal superior de Galicia, Carlos Varela; a decana da Facultade de Química, Pilar Bermejo Barrera; e o historiador e autor da biografía Galicia ten un referente: Isidro Parga Pondal Ricardo Gurriarán Rodríguez. Modernizando a ciencia Como lembrou o reitor no seu discurso, as primeiras décadas do XX foron as propicias para levar a cabo unha política científica española nova. “Era o momento da internacionalización, de formar parte das redes europeas de institucións científicas”, dixo. Precisamente Isidro Parga Pondal é o resultado desas políticas de apoio á formación e investigación implantada no período republicano “pero tamén dun espírito emprendedor, innovador, formado a carón da Xunta de Ampliación de Estudos”. Logo de estudar Ciencias en Madrid, Parga Pondal chegou á Universidade de Santiago para traballar como docente e nela destacou pola súa concepción innovadora da ciencia e por un forte compromiso profesional pero tamén ideolóxico. Neses anos coincidiu ademais co modernizador goberno universitario encabezado polo reitor Rodríguez Cadarso. Mais esa esperanza científica tronzouse en 1936, coa súa expulsión da Universidade á que xa nunca volvería. Refuxiouse no seu Laxe natal e desde alí puxo en marcha o Laboratorio Xeolóxico de Galicia á vez que elaborou o mapa xeolóxico de Galicia que deu pé ao achado das minas que propiciaron a industria cementeira. “Con Parga Pondal aprendemos a importancia de combinar o esforzo persoal, a visión institucional e o tecido empresarial”, afirmou o reitor, e “comprobamos que debemos sempre defender o talento e a formación e priorizar os retos ilusionantes e coherentes ante modelos burocráticos e rutinas consolidadas, non por eficaces senón por vellas”. Á homenaxe ao insigne científico asistiu numeroso público (Foto: Santi Alvite) Isidro Parga Pondal conta dende hoxe cun busto na Facultade de Química ((Foto: Santi Alvite)

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.01.2015.