Ir o contido principal
Este portal emprega cookies propias ou de terceiros con fins analíticos, así como ligazóns a portais de terceiros para poder compartir contido nas redes sociais. Pode obter máis información na <a href="https://pro-assets-usc.azureedge.net/gl/aviso-legal">política de cookies</a>.

Investigadores da USC, referentes mundiais nos estudos arredor da demora diagnóstica do cancro oral

Facultade de Odontoloxía. FOTO: Santi Alvite
Facultade de Odontoloxía. FOTO: Santi Alvite
Un traballo que revisa a literatura científica recente sobre o tema indica que o catedrático de Cirurxía Oral Juan Manuel Seoane é o autor que figura en máis artigos

Un artigo que publica un grupo de investigadoras brasileiras da Universidade Estatal de Feira de Santana en Medicina Oral, Patología Oral, Cirugía Bucal, a revista española de maior impacto no eido da saúde oral, recoñece o traballo desenvolvido polo catedrático de Cirurxía Oral Juan Manuel Seoane Lestón, da Universidade de Santiago de Compostela, como referente mundial na investigación sobre demora diagnóstica do cancro oral.

O artigo analiza as publicacións científicas de primeiro nivel incluídas na base de datos Scopus desde 2002 ata abril de 2024, período no que viron a luz 532 artigos sobre o tema, dos cales 16 contaron coa participación de Juan Manuel Seoane, sendo o autor con maior número en publicacións en coautoría dos 2.320 que deron a coñecer nese período os resultados das súas investigacións, así como o terceiro máis citado en artigos nos que figura a súa coautoría. En segunda posición como coautor de artigos figura Pablo Varela Centelles, profesor asociado do Departamento de Cirurxía e Especialidades Médico-Cirúrxicas da USC e investigador do Servizo Galego de Saúde.

As conclusións do artigo sinalan que é evidente que no campo da diagnose do cancro oral hai lugar para estudos novos centrados en reducir o intervalo de diagnóstico, sendo algúns dos obxectivos clave para estudar os biomarcadores, a diagnose a través de imaxe ou a expresión xenética. O obxectivo do estudo foi achegar “información valiosa que pode axudar os investigadores e as institucións a aliñar as súas actividades investigadoras segundo temas emerxente, establecer colaboracións e atribuír recursos eficazmente”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.10.2024.