Ir o contido principal

Investigadores da USC gañan a terceira edición do Premio de Investigación de Inesma

De esquerda a dereita, Enrique de Llano, presidente de Inesma; Ana Otero; Manuel Romero; Pedro Fernandes; José Manuel Gallardo, presidente del Premio Inesma; e Manuel Rey
De esquerda a dereita, Enrique de Llano, presidente de Inesma; Ana Otero; Manuel Romero; Pedro Fernandes; José Manuel Gallardo, presidente del Premio Inesma; e Manuel Rey
O primeiro premio foi para unha investigación sobre novas solucións contra infeccións bacterianas na acuicultura e un accésit para outra sobre o estudo xenético da proxenie do polbo común

Investigadores dos departamentos de Microbioloxía e Parasitoloxía e de Bioquímica e Bioloxía Molecular da USC coparon a terceira edición dos Premios de Investigación do Instituto de Estudios Marinos para la Nutrición y el Bienestar (INESMA) con dous traballos que exploran novas solucións contra as infección bacterias na acuicultura e o estudo xenético da proxenie do polbo común. Os seus autores son a profesora Ana Otero, o profesor Manuel Rey-Méndez e os investigadores Manuel Romero e Pedro Seixas.

O primeiro premio é a continuación do traballo de doutoramento de Manuel Romero Bernárdez que xa o pasado ano foi merecedor do Premio da Real Academia Galega de Ciencias. Asinado xunto coa profesora Ana Otero Casal, o traballo agora premiado por Inesma leva por título ‘Explorando novas solucións ás infeccións bacterianas en acuicultura: interceptación de comunicación bacteriana por Tenacibaculum discolor 20J.

Esta liña de traballo parte da incidencia das enfermidades infecciosas no desenvolvemento da acuicultura mariña xa que, como mínimo, o 10% da produción acuícola se perde como consecuencia deste tipo de enfermidades. Ademais, engaden os investigadores, as limitación no uso de antibióticos neste eido fan necesario explorar diferentes estratexias alternativas para o control destas enfermidades.

Nesta liña, as investigacións desenvolvidas no Departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía da USC descubriron que numerosas especies patóxenas de peixes utilizan un sistema de comunicación, denominado ‘quorum sensing’ (QS), que permite coordina a expresión dos factores de virulencia da infección. Este sistema permítelle ás bacterias comunicar a súa presenza ás demais usando pequenas moléculas de sinalización química, denominadas autoindutores.

As bacterias patóxenas so atacan ao seu hospedador cando se activa o seu canal receptor de QS, polo que existe un enorme interese no deseño e desenvolvemento de estratexias de inactivación do QS que funcionarían como novas fórmulas de loita antimicrobiana. Ao evitar o funcionamento desta canle de comunicación se impide a expresión dos factores de virulencia e polo tanto se diminúe drasticamente a capacidade do patóxeno para infectar.

Traballos previos deste grupo permitiron identificar un total de 20 especies de bacterias mariñas con elevada capacidade para evitar a activación do sistema de comunicación, tamén denominada ‘quorum quenching’ (QQ), de entre as que se seleccionou a cepa identificada como Tenacibaculum discolor 20J, pola súa alta actividade e bo crecemento en medios salino e terrestres. A caracterización da actividades desta cepa demostrou que 20J pode utilizarse de forma inespecífica para o tratamento de distintos patóxenos.

Segundo os premiados, 20J constitúe un candidato prometedor para o control de bacterias patóxenas con sistemas de QS baseados en N-acilhomoserín lactonas, especialmente no campo da acuicultura, ao tempo que confirma o medio mariño como “unha fonte incalculable de novas actividades biolóxicas de elevado valor engadido con potencial aplicación no campo da biotecnoloxía” .

Estudo xenético sobre a proxenie do polbo común
Inesma decidiu outorgou o accésit da súa terceira edición dos premios de investigación ao traballo ‘Estudo xenético da proxenie do polbo común (Octopus vulgaris) e mellora do alimento vivo para o seu cultivo larvario’, do que son autores Pedro Seixas e Manuel Rey-Méndez, do Departamento de Bioquímica e Bioloxía Molecular, e a profesora Ana Otero Casal.

O cultivo do polbo en catividade, unha especie de alto valor comercial, elevado interese cultural e gastronómico en Galicia, presenta como dificultade o cultivo das paralarvas planctónicas. Partindo deste punto, o traballo dos investigadores da USC estudou a paternidade múltiple nas postas do polbo e a súas consecuencias na diversificación xenética dos exemplares. Ademais traballouse na optimización do valor nutricional do alimento vivo para o cultivo das paralarvas, avaliándose o efecto de diferentes dietas sobre o crecemento e a supervivencia, con especial atención ao enriquecemento de artemia con microalgas e aminoácidos esenciais.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.02.2012.