Ir o contido principal

Investigadores das Universidades de Santiago e Lovaina estudan proxectos conxuntos no ámbito da neurociencia

De dereita a esquerda, Francisco González, Peter Janseen, Carmen  Romero e o profesor da UDC Casto Rivadulla
De dereita a esquerda, Francisco González, Peter Janseen, Carmen Romero e o profesor da UDC Casto Rivadulla

O responsable do Departamento de Neurociencias da Universidade KU Lovaina (Bélxica), Peter Janssen, visitou estes días o Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) onde mantivo un encontro co catedrático de Fisioloxía Francisco González García. A visita permitiu traballar na definición de proxectos conxuntos de investigación no ámbito das neurociencias con especial atención á visión humana.

O doutor Jansenn estivo acompañado por Mª del Carmen Romero Pita, titulada pola USC que actualmente traballa con el no Laboratorio de Neuro e Psicofisioloxía da universidade belga.

Peter Janssen posúe un ampla traxectoria no ámbito da neurociencia que lle ten valido o premio do Consello de Investigación da súa universidade no ámbito das ciencias biomédicas ou o apoio do Human Frontier Science Program, programa internacional que financia investigación novidosa en ciencias da vida e que recoñeceu un traballo no que Janseen e outros dous investigadores contribúen a comprender como a percepción xorde da actividade das neuronas en diferentes áreas do cerebro. Concretamente, demostraron que a actividade na cortiza temporal inferior, pero non na parietal posterior, se co relaciona coas decisións perceptivas sobre superficies tridimensionais (3D).

Na visita puido coñecer o labor que desenvolve o profesor da USC Francisco González no estudo do procesamento da información visual a través do sistema nervioso central. O investigador compostelán ten traballado en técnicas de rexistro unitario extracelular para analizar as respostas das neuronas a estímulos visuais de diferente tipo, así como en visión estereoscópica.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.01.2018.