Unha investigación da USC recibe o premio á mellor tese da Controlled Release Society
A Controlled Release Society (SPLC-CRS), a sociedade científica centrada no ámbito dos sistemas de liberación de fármacos e a nanomedicina, acaba de outorgar o premio á mellor tese de doutoramento a unha investigación desenvolvida na USC. Trátase do traballo titulado ‘Profilaxe e tratamento tópico de infeccións asociadas a audiófonos e lentes de contacto’ de María Vivero López, investigadora que desenvolveu a súa tese no grupo I+D Farma da Facultade de Farmacia.
Baixo a dirección dos profesores Carmen Álvarez Lorenzo e Ángel Concheiro Nine pertencentes ao Instituto de Materiais da USC (iMATUS), a tese centrouse no desenvolvemento de novos procedementos para incorporar fármacos en produtos sanitarios. Neste senso, María Vivero explorou diferentes enfoques para dotar audiófonos e lentes de contacto con capacidade para ceder de maneira sostida substancias capaces de previr a formación de biofilmes ou abordar infeccións xa establecidas. O traballo levouse a cabo dende unha perspectiva multidisciplinaria en colaboración co University College de Londres, o Instituto Superior Técnico de Lisboa e a Universidade Complutense de Madrid.
O SPLC-CRS Best PhD Thesis Award premia aquelas teses doutorais que acrediten un alto nivel de formación do investigador/a no campo do deseño e a caracterización de medicamentos avanzados e que desen lugar a resultados científicos publicados en revistas indexadas de alto impacto. Nesta edición, o premio foi entregado polo profesor Nicholas Peppas da University de Texas e doutor honoris Causa pola USC.
Premios anteriores
A investigadora María Vivero que, na actualidade, é investigadora postdoutoral na Universidade de Nottingham, ten recibido diversos galardóns pola súa traxectoria como doutoranda na USC. Así, o ano pasado recolleu o premio europeo de doutoramento Julia Polak no transcurso da edición número 33 do Congreso Anual da Sociedade Europea de Biomateriais que se desenvolveu en Davos, Suíza. Este galardón recoñece aquelas teses de doutoramento que acreditan un alto nivel de formación do investigador/a no eido dos biomateriais e a enxeñaría de tecidos e que teñan xerado resultados científicos publicados en revistas de elevado índice de impacto.
Ademais, en 2022, a Real Academia Galega de Ciencias recoñeceu a María Vivero co VIII Premio Julián Francisco Suárez Freire para mozos e mozas investigadoras por un artigo publicado na revista Materials Science & Engineering C en 2021. Esta distinción diríxese a investigadores/as menores de 35 anos que publicasen un traballo orixinal realizado nunha institución galega sobre un tema relacionado co medicamento dende as súas fases temperás de I+D ata a cadea de distribución.