Ir o contido principal

Unha investigación da USC propón continuar avanzando na lexislación europea de produtos para facelos máis duradeiros e fáciles de reparar

Beltrán Puentes é o autor do traballo. Foto: Iria Lema
Beltrán Puentes é o autor do traballo. Foto: Iria Lema
Beltrán Puentes Cociña conclúe na súa tese que “aínda que se deron pasos importantes, persisten eivas significativas que precisan ser abordadas para lograr a transición cara a economía circular”

A estratexia de economía circular impulsada pola Unión Europea nos últimos dez anos busca transformar o modelo de produción e consumo para garantir a súa sustentabilidade. Déronse cambios no dereito dos produtos para que sexan máis duradeiros e fáciles de reparar, pero descoñécese aínda de maneira profusa se as novas normas e os instrumentos xurídicos adoptados ata o momento teñen o alcance suficiente para facer efectivo ese cambio de modelo.

Precisamente nisto centrou a súa tese de doutoramento o xurista e politólogo Beltrán Puentes Cociña, que logo da súa investigación conclúe que “aínda que se deron pasos importantes, persisten eivas significativas que precisan ser abordadas para lograr a transición cara a economía circular”. Pon como exemplo a aplicación de normas relativas á dispoñibilidade de pezas de recambio e guías de reparación, o modo en que os suxeitos poden acceder a estas, a facilidade de desarmado dos produtos, os prazos de garantía ou as obrigas de reparar dentro e fóra do prazo de garantía. Tal e como comprobou, “algunhas destas normas só afectan un pequeno número de produtos e persisten vías polas que as empresas poden eludir a súa aplicación, facendo que aínda non sexa posible falar dun dereito universal e efectivo á reparación dos produtos”.

A recente aprobación do novo Regulamento europeo de deseño ecolóxico e da nova Directiva europea sobre a reparación dos produtos supuxo a adopción dalgunhas das anteriores medidas e “constitúe unha base normativa interesante sobre a que seguir avanzando, nun proceso que se dilatará a longo de varios anos con desenvolvementos normativos estatais e europeos”, explica Puentes.

Análise exhaustiva da lexislación 
Desenvolvido en CRETUS dentro do grupo de investigación Armela e baixo a dirección da catedrática de Dereito Administrativo, Alba Nogueira, no seu traballo doutoral Beltrán Puentes realizou unha análise exhaustiva da lexislación sobre produtos e da súa aplicación, facendo fincapé na evolución da normativa aplicable e nas diferenzas existentes entre a lexislación europea e a dos distintos Estados membros. Os principais resultados foron publicados en tres artigos de revista e tres capítulos de libro que integran a tese doutoral.

Durante a súa investigación, o investigador participou en dous proxectos europeos sobre economía circular (R2Pi, sobre modelos de negocio e políticas de economía circular, e Run4Life, sobre reutilización de augas e produtos fertilizantes) e realizou catro estadías de investigación nas universidades de Utrecht, Lund, Saint-Louis (Bruxelas) e Braga, que contribuíron a enriquecer os resultados da investigación. Contou co financiamento do grupo de investigación Armela, do Centro Singular CRETUS e da Fundación Banco Sabadell.

A tese, que leva por título A transición dos produtos cara ao novo paradigma da economía circular, foi avaliada coa máxima cualificación por un tribunal formado polos profesores Javier Sanz Larruga (UdC), Aitana de la Varga Pastor (URV) e Dulce Lopes (UCoimbra), e obtivo a Mención de Doutoramento Internacional. 

Beltrán, coa directora e co tribunal que avaliou a tese. Foto: Iria Lema
Beltrán, coa directora e co tribunal que avaliou a tese. Foto: Iria Lema
Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.07.2024.