Ir o contido principal
  • Investigar

Unha investigación pon en valor a filosofía de Thoreau pola súa influencia na evolución do ecoloxismo

Henry David Thoreau nun daguerrotipo tomado en 1856. FOTO: US National Portrait Gallery
Henry David Thoreau nun daguerrotipo tomado en 1856. FOTO: US National Portrait Gallery
O autor coñecía polas súas lecturas as referencias ao cabo Fisterra como fin da terra coñecida e compárao co cabo Cod de Massachusetts, que denomina comezo da terra

O filósofo e escritor Henry David Thoreau (Concord, Massachusetts, 1816-1862) desenvolveu o seu pensamento e obra literaria nun momento no que Estados Unidos se atopaba na busca dunha cultura e dunha filosofía propia, e os seus traballos tiveron unha importante influencia no desenvolvemento posterior do movemento ecoloxista. Malia o tempo pasado desde que escribiu os seus libros, a súa obra segue a ter vixencia en moitos aspectos, e esa foi unha das razóns polas que Roberto Fumega González estudou a súa obra na tese H.D. Thoreau: unha aproximación trascendentalista á estética da Natureza nos arredores de Walden, que acaba de defender baixo a dirección do catedrático de Filosofía da USC Marcelino Agís Villaverde.

O filósofo estadounidense, segundo lembra Roberto Fumega, viviu dous anos nunha cabana que el mesmo construíu ao pé da lagoa de Walden, foi abolicionista e libertador de escravos e “atendeu e apreciou a Natureza como ningún outro pensador do movemento transcendentalista”. En galego están publicadas as súas obras no volume dobre Desobediencia civil e Vida sen fundamentos (2002) e Camiñando (2012).

Referencias a Galicia
Thoreau coñecía polas súas lecturas as referencias ao cabo Fisterra como fin da terra coñecida e nun dos seus escritos compárao co cabo Cod de Massachusetts, que denomina comezo da terra. Así, segundo lembra o investigador, estando o autor de Concord situado no extremo do cabo Cod, coa vasta extensión do océano Atlántico por diante, escribiu o seguinte texto que integraría no ensaio Cape Cod: “A praia máis próxima a nós está do outro lado, cara ao leste, na costa de Galicia, en España, cuxa capital é Santiago, aínda que os vellos poetas crían que debería ser a Atlántida ou as Hespérides (...). Galicia, e o porto de Pontevedra, abríronse mentres camiñabamos. O audaz promontorio do cabo de Fisterra, un pouco ao nordeste, sobresaía cara nós co seu alarde, e respondemos: aquí está o cabo Cod, o comezo da Terra”.

O pensador, con todo, non coñecía Galicia persoalmente, e segundo indica o investigador nunca viaxaba moi lonxe do seu Concord natal, pois o seu era “un camiñar introspectivo máis que un viaxar físico”, aínda que nos seus escritos aborda “problemas e temas que teñen aínda enorme vixencia hoxe”. A investigación de Roberto Fumega enfocouse na perspectiva estética do filósofo, que fronte á simple observación da natureza optou por vivencias baseadas na inmersión no medio natural, obtendo así “unha percepción do que se podería chamar o espírito da natureza, da que el é parte e vai configurando a súa vida”.

O filósofo podería ser considerado “un preecoloxista”, indica Fumega, que a través dos seus escritos tivo unha influencia indirecta na creación de parques naturais, protexendo áreas que pagaba a pena preservar e logrando así “unha volta ao primixenio”. O seu compromiso coa súa contorna tamén se manifestou no seu apoio á abolición da escravitude, con accións concretas como comprarlles pasaxes no ferrocarril a persoas escravas para que puideran fuxir do seu destino e quizais ofrecéndolles refuxio temporal na súa vivenda. 
 

Roberto Fumega, no centro, e Marcelino Agís, primeiro pola esquerda, o día da defensa da tese
Roberto Fumega, no centro, e Marcelino Agís, primeiro pola esquerda, o día da defensa da tese
Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.09.2024.