Ir o contido principal

Unha investigación pon en valor a figura da primeira peregrina erudita, Georgiana Goddard King

Georgiana Goddard King. FOTO: Bryn Mawr College
Georgiana Goddard King. FOTO: Bryn Mawr College
Oito estudos abordan distintos aspectos da obra desta profesora norteamericana que visitou Compostela no Xacobeo de 1915 e difundiu o Camiño de Santiago no seu país

A profesora estadounidense de Historia da Arte Georgiana Goddard King visitou Compostela en 1915 coincidindo coa celebración do Ano Santo e coñeceu así sobre o terreo a meta do Camiño de Santiago, publicando cinco anos máis tarde, en 1920, un libro sobre a ruta xacobea titulado ‘The Way of Saint James’, co que a deu a coñecer no seu país e que a converteu na primeira peregrina erudita, marcando un fito nos estudos sobre esta vía de peregrinación, que agora acaba de ser posto en valor a través dun proxecto de investigación da USC coordinado polos profesores Miguel Taín Guzmán e Patricia Fra.

O proxecto, concedido polo Ministerio de Ciencia e Innovación, foi desenvolvido entre setembro de 2021 e agosto de 2024 e os seus resultados acaban de publicarse no libro Georgiana Goddard King y The Way of Saint James (1920). La primera peregrinación erudita por el Camino de Santiago (Akal, 2024), que a través de oito traballos analiza a figura e a obra desta profesora de Historia da arte do Bryn Mawr College e estreita colaboradora de Archer Milton Huntington na Hispanic Society.

Visión feminina
George Greenia abre o volume contextualizando a figura da autora dentro dos estudos hispanistas norteamericanos, valorando The Way of Saint James desde o punto de vista da perspectiva de xénero, ao ser escrito por unha muller; fai ademais unha revisión das achegas do feminismo á literatura de viaxes escrita por mulleres e da visión que unha autora norteamericana como King realizou de España e o Camiño, e contrástaa coa doutros autores contemporáneos. Mentres, Paula Pita Galán valora a figura de King como profesora de Historia da Arte, a súa formación académica e a súa visión do Camiño.

Grazas á investigación no arquivo da Hispanic Society of America e á localización de documentación inédita, Patricia Fra López examina no terceiro capítulo os preparativos das viaxes de King polo Camiño, as fontes bibliográficas que utiliza para preparalas e documentalas, o compromiso da Hispanic Society, así como a elaboración da edición do seu libro de 1920. No capítulo cuarto Francisco Javier Novo Sánchez realiza un achegamento exhaustivo ao patrimonio histórico-artístico estudado por King ao longo do Camiño desde os Pireneos ata Santiago de Compostela, prolongando o roteiro cara ao Atlántico para visitar localidades de forte identidade xacobea como Muxía, Fisterra, Noia e Padrón.

En Compostela
Miguel Taín Guzmán analiza a estadía da profesora norteamericana na cidade de Santiago de Compostela no Ano Santo de 1915 e os seus comentarios sobre o patrimonio da urbe, da que apenas ofrece datos. Moito máis interesante é a súa descrición das festas do Apóstolo do 25 de xullo, a cuxa misa do ofertorio asiste. King narra a experiencia reflectindo emocións propias do romanticismo do século anterior, explicando o desfile protagonizado polo arcebispo e o delegado rexio desde o Palacio Arcebispal ata o altar maior polo deambulatorio. Finalmente examínase a súa análise da basílica catedralicia, moi exhaustiva no que se refire á fábrica medieval. King busca a pegada do edificio descrito no Códice Calixtino (s. XII), o seu libro de cabeceira, consultando para iso os traballos de padre Fidel Fita -ao que a coñece persoalmente e cita numerosas veces con aprecio- e do cóengo arquiveiro Antonio López Ferreiro, falecido en 1910 e con cuxas conclusións se mostra crítica en numerosas ocasións.

No capítulo sexto Manuel Rodríguez Fernández analiza os milagres, lendas e tradicións vinculados á peregrinación e os peregrinos recollidos en The Way of Saint James. A autora ten o mérito de ser a primeira persoa que investigou e analizou o estado das rutas xacobeas a pé de roteiro no Camiño Francés.

Descricións
María del Mar Llinares García inspecciona dous aspectos da obra de King moi relacionados coa antropoloxía do seu tempo. Por unha banda, a descrición de ‘tipos populares’ na liña dos libros de viaxes xa mencionadas da súa época e anteriores, como A Biblia en España de George Borrow (1843). Destaca a atención que lles presta ás actividades femininas e aos sacerdotes, que podemos aventurar que ten que ver coa súa curiosidade como protestante (sen pertencer a unha confesión específica), ante estas figuras católicas tan presentes en España. Curiosamente apenas hai descricións de festas ou costumes, en liña co pintoresquismo habitual. O folclore aparece en relación cun aspecto non tratado da súa obra ata o de agora: a súa afirmación de que o seu obxectivo é a relixión comparada, a lectura do culto ao Apóstolo como herdeiro de antigos elementos relacionados coa maxia, a fecundidade ou a vexetación, na liña de J.G. Frazer (The Golden Bough: A Study in Comparative Religion).

No último capítulo, Xosé Santos Solla explora desde unha perspectiva xeográfica a obra de King e os seus vínculos co fenómeno recente do turismo e os cambios da paisaxe. O percorrido que fai a nosa autora e as súas características achégana ao concepto de viaxeira e, por tanto, únena ao fenómeno do Grand Tour. Con todo, a pesar de ter elementos en común, ela xa non é contemporánea desa práctica da alta burguesía decimonónica, senón que se sitúa nun momento no que a viaxe vai adquirindo novas formas. 
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.09.2024.