Ir o contido principal

A innovación educativa como vía para obter un maior respecto polo medio ambiente

O acto desenvolveuse na Casa da Cultura do Concello de Outes
O acto desenvolveuse na Casa da Cultura do Concello de Outes
SEPA-interea presentou na Casa da Cultura do Concello de Outes os resultados dos proxectos EDUCINEMA ClimaTourAction e e-InnoEduCO2
Santiago de Compostela

O grupo de investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental (SEPA-interea) da USC presentou esta semana, na Casa de Cultura do Concello de Outes, os resultados dos proxectos EDUCINEMA ClimaTourAction e e-InnoEduCO2. Nestes dous proxectos Erasmus +, o equipo investigador, dirixido polo catedrático de Pedagoxía Social da USC, José Antonio Caride, aborda o respecto polo medio ambiente a través da innovación educativa tendo moi presente o actual contexto de cambio climático.

Así, EDUCINEMA ClimaTourAction, da modalidade de creatividade (KA227), nace ao abeiro dun consorcio liderado pola USC, no que tamén participan as universidades de Bolonia (Italia) e de Aveiro (Portugal), así como o IES Villa de Firgas de Gran Canaria, o IE Giner de los Ríos de Lisboa e o Liceo XXVI de Lodz (Polonia). Son ademais centros piloto e socios non formais o IES Poeta Añón e co IES Virxe do Mar. Sobre este proxecto, o grupo SEPA-interea presentou a película Cinema Climantopía, o obra titulada Climantopía, o libro escolar e o volume Ciencia cidadá con Climantopía coa vontade de facer, precisamente, ciencia cidadá dende a escola a través de espazos expositores relativos á ciencia do cambio climático no que estudantes explican á cidadanía, antes e despois da proxección da película, as causas, consecuencias e posibles solucións ao cambio climático. Tamén presentaron o vídeo que recolle os produtos obtidos no proxecto e que coordinou tamén a USC.

En relación a e-InnoEduCO2, pertencente á modalidade extraordinaria de innovación (KA226) relativa a tecnoloxías, a USC presentou os materiais do itinerario formativo organizado baixo o enfoque One Health da OMS centrado nos efectos que ten para a perda de servizos ecosistémicos derivados da fragmentación e desaparición das pradarías mariñas. O evento serviu para dar conta do itinerario docente e dunha guía didáctica con tres estudos de caso de aplicación en regresións de pradarías mariñas en Galicia, debido ao marisqueo; no Mar Báltico, no relativo á eutrofización e contaminación; e no Mar Negro debido ás obras públicas. Neste proxecto participaron tamén as universidades de Iasi (Rumanía) e de Aveiro (Portugal). Polo sector escolar participaron o Agrupamento de Escolas de Aveiro (Portugal) e o Liceo XXVI de Lodz (Polonia), contando novamente como centros piloto e socios non formais co IES Poeta Añón e co IES Virxe do Mar. Tamén participou o Centro Superior de Supercomputación de Galicia (CESGA).

O profesor Caride presentou os resultados, xunto ao profesor Francisco Sóñora Luna, no marco dos dous proxectos Erasmus+ nos que o Grupo SEPA-interea está a participar no sector escolar de innovación Educativa Erasmus+ e que foron os máis valorados entre os financiados polo Servicio Español para a Internacionalización da Educación (SEPIE), dependente do Ministerio de Universidades, nas dúas convocatorias extraordinarias de innovación educativa Erasmus+ para o bienio 2021–2023.

O profesor Caride durante a súa intervención
O profesor Caride durante a súa intervención
Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.04.2024.