Inauguradas as instalacións do Centro de Investigación en Bioloxía
O novo Centro de Investigación en Bioloxía da Universidade de Santiago (CIBUS) inaugurouse oficialmente este xoves 29, nun acto que presidiu o reitor da USC, Senén Barro, no Campus Sur e ao que tamén asistiron o decano da Facultade de Bioloxía, Jaime Gómez Márquez; a da Facultade de Matemáticas, Mª Victoria Otero; o presidente do Consello Social, Manuel Puga, a concelleira de Participación Cidadá, Guadalupe Rodríguez; e membros do consello de dirección. Estas instalacións, xa operativas dende hai uns meses, forman parte das primeiras actuacións constructivas e urbanísticas do proxecto Campus Vida previstas para 2009, xunto coa posta en funcionamento do edificio docente Roberto Novoa Santos, do edificio Emprendía ou da reforma da Facultade de Bioloxía.
O proxecto Campus Vida, co que a USC acadou o recoñecemento de Campus de Excelencia Internacional, supón un redeseño do campus máis emblemático, o Sur, que constituíu na primeira metade do pasado século a aposta máis clara da institución docente para camiñar cara a unha universidade moderna e con impacto internacional. Trátase dunha ambiciosa aposta, co horizonte en 2015, para converter á USC nun referente internacional no ámbito académico, tanto na docencia como na investigación, que rentabilizando a súas fortalezas nas ciencias e tecnoloxías da vida proxecta estratexicamente ao conxunto da Universidade.
CIBUSO CIBUS ofrecerá aos investigadores unha superficie de 12.915 metros cadrados, dos que preto de 6.000 destinaranse especificamente a investigación. Todas estes espazos distribúense nun edificio composto de soto e catro plantas sobre rasante, así como outras tres de soto destinadas a aparcamento.
Nestas novas instalacións aséntanse vinte e dous laboratorios xerais de Bioloxía e corenta e dous despachos para investigadores, así como un laboratorio de radioisótopos e outro de transición, unha sala de ultracentrífugas e de conxeladores e cámaras frigoríficas, unha cámara de cultivo e un almacén xeral. Completan a dotación infraestrutural unha sala de reunións e os espazos correspondentes a conserxería e administración.
No CIBUS xa traballan actualmente os departamentos de Bioquímica e bioloxía molecular, Bioloxía celular e ecoloxía, Microbioloxía e parasitoloxía e Xenética. Son preto de setenta investigadores e docentes, cun alta porcentaxe de persoal adscrito á Facultade de Bioloxía. Unha das primeiras vantaxes que reporta a posta en funcionamento deste centro é a reorganización de espazos, xa que os departamentos que permanecen nesta facultade poden agora distribuírse doutro modo para un mellor aproveitamento das instalacións, sinala o decano Jaime Gómez Márquez, que valora “moi positivamente” a posta en funcionamento do CIBUS na investigación biolóxica.