Ir o contido principal

O Idega pon o foco nun novo informe especial nos retos e as consecuencias da transición industrial en Galicia

A profesora da USC e coordinadora de 'Economía Galega. Informe', Dolores Riveiro, conversando coas persoas participates. Foto: Santi Alvite
A profesora da USC e coordinadora de 'Economía Galega. Informe', Dolores Riveiro, conversando coas persoas participates. Foto: Santi Alvite
Na publicación colaboraron con distintos artigos Impulsa Galicia, a Confederación de Empresarios de Galicia e a asociación do metal ASIME

As intensas interrelacións existentes entre as inevitables transicións ecolóxica -en gran medida enerxética- e dixital determinan e condicionan o sector industrial galego. Así o considera o Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia da USC (Idega), que decidiu centrar na transición industrial o informe especial deste ano, elaborado no marco de A Economía Galega. Informe.

Para o persoal experto do instituto universitario, a transición na industria debe abordarse “nos contextos do cambio climático, que en parte a motiva, das obrigas adquiridas de descarbonización e, tamén, da crecente conflitividade en distintos puntos do planeta, cun cambio da xeoestratexia global e das relacións de interdependencia a nivel internacional”. “Con todas as consecuencias que estes contextos implican para as diferentes variables macroeconómicas”, engaden.

Analizar a maneira na que Galicia se enfronta a esa transición industrial é pois o obxectivo deste último estudo que este mércores se presentou en Santiago nun acto no que interviñeron a coordinadora de Economía Galega. Informe e profesora da USC Dolores Riveiro; o catedrático de Física da USC Luís Miguel Varela; a subdirectora xeral de Cualificacións e Capacidades para o Emprego, Carmen Orgeira; o director xeral de IMPULSA Galicia, Julio Pombo; o secretario xeral adxunto da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), José Manuel Maceira, e o secretario xeral da Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (ASIME), Enrique Mallón. 

O informe ‘Transición Industrial. A oportunidade de reindustrialización que Galicia non pode perder’ comeza cunha reflexión do director xeral de Impulsa Galicia sobre a política industrial da comunidade, unha perspectiva institucional respecto aos cambios necesarios nese sector e como abordalos.

A continuación ten lugar outro apartado coa perspectiva do propio sector industrial galego, centrándose nos que, ao xuízo do sector, son os principais retos aos que se enfronta e apuntando algunhas das respostas que propoñen. Esta segunda parte ofrece tanto a visión do sector industrial en xeral, a cargo da Confederación de Empresarios, como a do metal, que engloba boa parte da industria galega, e que no informe está representado por ASIME.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.10.2024.